O Concello de Touro ven de facer público o derradeiro informe de analíticas onde se evidencia, unha vez máis, a persistente afección ambiental significativa sobre diversos cursos fluviais, constatando parámetros que superan sistematicamente os límites e obxectivos ambientais recollidos na normativa vixente, como o Real Decreto 817/2015 ou o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa. O texto oficial advirte de que, comparando os datos cos rexistros históricos dispoñibles, hai puntos que amosan un claro empeoramento na calidade das augas, e con respecto ao que a empresa mineira recolleu no seu proxecto como unha mellora.
A garda civil do territorio: Veciños contra os metais pesados
A historia desta última década de loita ambiental non se escribe desde os despachos, senón desde as beiras dos ríos Pucheiras, Portapego, Brandelos, Ameneiro-Lamas e Felisa.. Foron os propios veciños os primeiros en dar a voz de alarma ao ver as augas tinxidas de cores anómalas. Esta vixilancia a pé de campo foi a que nutriu de probas e testemuños a colectivos como Tralapena, Ecologistas en Acción, Adega, Aldea Viva ou Amigas da Terra, permitindo encargar as analíticas de laboratorio que confirmaron a presenza de niveis críticos de metais pesados nunha contorna protexida pola Rede Natura 2000.
O perigo non só corre polos leitos dos ríos. Os veciños e veciñas foron os que sinalaron o risco inminente que o proxecto mineiro que queren reabrir, ten estruturas de residuos que supoñen un perigo real para as súas casas, as súas vidas e os seus pozos, transformando o medo nunha ferramenta de denuncia colectiva contra a ameaza mineira.
O engano dos plans técnicos: A veciñanza destapa o fraude da drenaxe
Onde as empresas e a administración vían «solucións técnicas», a veciñanza detecta parches e incumprimentos, comprobando en primeira persoa como as augas acedas siguen brotando e chegando ao dominio público hidráulico, desmentindo as promesas oficiais de rexeneración. O crónico incumprimento do proxecto de drenaxe temporal e integral é destapado unha vez máis.
Cando se expuxo o proxecto de drenaxe cara ao río Pucheiras, a reacción veciñal non tardou en chegar en forma de alegacións, de fortes protestas e mobilizacións. Esta presión social na rúa serviu para que asociacións ambientales puidesen armar recursos que denunciaban que ditas obras operaban á marxe de avaliacións de impacto ambiental severas. Sen os ollos da veciñanza vixiando cada canle, os proxectos insuficientes pasarían desapercibidos baixo o verniz da burocracia. Agora esa autorización sigue o seu trámite no TSXG á espera de ser xuzgada.
Un clamor unificado que frea a reapertura da mina
A mobilización veciñal logrou o que parecía imposible: crear un muro de contención civil, entendendo que defender a auga é defender o seu modo de vida rural, o sector agrario local e o sustento de miles de familias que dependen indirectamente do marisqueo na ría, alimentada polo río Ulla.
Esta firmeza comunitaria logra que o proxecto mineiro careza por completo de «licenza social», e ahora sea o propio concello de Touro quen ratifique o que a xente levaba anos berrando: que os límites legais de contaminación estaban superados e que era necesario actuar para protexer o abastecemento de auga potable da poboación. Onde as empresas e a administración vían «solucións técnicas», os veciños detectaron parches e incumprimentos..
A xustiza que nace da rúa
Hoxe en día, que se admitan a trámite as demandas contra as verteduras non é un éxito fortuíto da xurisprudencia. É o resultado directo dunha década de persistencia dun pobo que se nega a ser sacrificado en nome do chamado beneficio industrial.
A lección de Touro é clara e contundente: fronte á pasividade dos que deben protexer o medio ambiente, a soberanía veciñal e o coidado da terra son a única garantía de futuro.