O Traballo Fin de Grao (TFG) de Lucía Rivas Álvarez identifica a falta de financiamento, a burocracia, as dificultades para acceder a provedores e a competencia das grandes empresas como os principais obstáculos para crear novos proxectos.
Obter unha visión integral sobre as oportunidades e as barreiras do emprendemento xuvenil na industria da moda en Galicia. Este era o principal obxectivo do Traballo Fin de Grao (TFG) de Lucía Rivas Álvarez (Vigo, 2003), alumna do grao en Xestión Industrial da Moda, titulación que se imparte na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol.Para acadalo, a estudante empregou unha metodoloxía mixta na que combinou técnicas cuantitativas e cualitativas. Deste xeito, deseñou unha enquisa en liñana que participaron 150 persoas vinculadas ao mundo da moda e entrevistou ao alumando egresado do grao en Xestión Industrial da Moda que estivo detrás dos proxectos: Savalé, Le Éclat, Guinda Concept e Atelierbysebas.
No que atinxe á metodoloxía cuantitativa empregada neste traballo, cómpre sinalar que o 66% das persoas que responderon á enquisa eran mulleres e o 34% homes, na súa inmensa maioría procedentes de Galicia aínda que cunha presenza significativa de persoas doutras comunidades como Madrid, Barcelona ou Aragón. Por franxas de idade, o 3% tiña menos de 18 anos, o 63% tiña entre 19 e 30 anos, o 21% entre 31 e 45 anos, o 5% entre 46 e 60 anos, e o 8% tiña máis de 61 anos. En canto aos seus estudos, o 19% era titulado/a ou estaba cursado estudos de ADE, Dereito ou de Economía, o 16% de Xestión Industrial da Moda, o 51% outros graos doutras ramas de coñecemento e 14% non tiña.
Pola súa banda, a análise cualitativa fíxose a partires de entrevistas semiestruturadas ao alumando egresado do grao en Xestión Industrial da Moda que fundou Savalé, Le Éclat, Guinda Concept e Atelierbysebas. A firma de bolsos Savalé foi impulsada por Ailin Lecea Sánchez, Lucía Sánchez Figueroa e Alejandra Valera Iglesias. Le Éclat, outra marca de bolsos e complementos, por Candela Sánchez Botana, Guinda Concept, centrada nos bolsos e na xoiería, por Sabela Martínez Tomé, e Atelierbysebas, un proxecto de solucións dixitais B2B, por Sebastián Medranda Piedra. A día de hoxe, só o último destes catro proxectos nados na Universidade da Coruña (UDC) segue activo. O primeiro cesou a súa actividade pola “dispersión xeográfica das súas creadoras”, o segundo polas “barreiras económico fiscais derivadas da operativa a pequena escala” e o terceiro pasou a converterse nun hobby.
O grao en Xestión Industrial da Moda, clave para fomentar o emprendemento no sector
O traballo realizado por Lucía Rivas Álvarez confirma que a vocación, a creatividade e o desexo de desenvolver proxectos propios son as principais motivacións do emprendemento xuvenil na industria da moda en Galicia. O estudo, que combina unha enquisa en liña con entrevistas persoais en profundidade, ofrece unha visión global sobre os retos e as oportunidades ás que se enfrontan os mozos e mozas que queren emprender neste sector.
Os resultados da enquisa revelan que o 39% das persoas participantes emprenden impulsadas pola vontade de desenvolver unha iniciativa propia, mentres que o emprendemento por necesidade representa o 15% das respostas facilitadas. Tanto a análise cuantitativa como a cualitativa coinciden en identificar a falta de financiamento, a burocracia, as dificultades para acceder a provedores e a competencia das grandes empresas como os principais obstáculos para crear e consolidar un negocio.
O traballo tamén pon o foco na transformación dixital. O 71,3% das persoas enquisadas considera que a dixitalización é unha ferramenta clave para ampliar mercados, mellorar a competitividade e superar as limitacións xeográficas, especialmente nos proxectos baseados en canles dixitais ou en servizos tecnolóxicos.
Por último, o estudo destaca o valor da formación especializada para impulsar novos proxectos empresariais. As entrevistas realizadas a antigos estudantes do grao en Xestión Industrial da Moda evidencian o papel deste título da Universidade da Coruña (UDC) como un espazo no que adquiren os coñecementos técnicos e as competencias necesarias para emprender, ao tempo que fomenta a experimentación e a posta en marcha de iniciativas emprendedoras.