Voráxine machista. Por @DulceCorcu

Mentres España estoupaba de ledicia e enchía as prazas de fervor patrio pola consecución do mundial de fútbol, cinco mulleres perdían a vida nesa fin de semana, tres delas asasinadas pola violencia machista, outra por un mozo de dezaoito anos e a quinta estase investigando. Tamén, un home tentou prender lume á vivenda da ex parella con ela e o seu fillo dentro. Todo en apenas dous días nos que o país vivía mergullado en celebracións e fotos de representantes políticos competindo a ver quen era máis español. Nin remotamente ninguén pensou en adiar o folclore, sumarse ao pesar dos orfos e orfas que deixan os asasinos e cavilar, unha vez máis, en todo o que falla para que as mulleres sigan sendo vítimas da voráxine machista pola que, desgrazadamente, non se enchen as rúas coma nun partido de fútbol.

Nin tampouco os titulares de prensa, ocupados en ensalzar as virtudes duns xogadores que rara vez aproveitan o foco mediático para pronunciarse sobre calquera cousa que non sexa eles mesmos. Unha insensibilidade que se traslada aos gobernos, especialmente alí onde a ultradereita vai copando espazos de poder e impoñendo os seus recurtes e idearios sobre unha violencia de xénero que pregonan non existe. Pero hai mulleres asasinadas polo machismo incesantemente, moitas con denuncias previas, ordes de alonxamento ou medidas a todas luces insuficientes. Outras, vítimas tamén da indiferenza xudicial, dunha xustiza que só as cre cando as matan. Un país capaz de mover unha inmensa masa social por un triunfo futboleiro que nada nos cambia a vida, pero que mira cara outro lado cando nais, irmáns, fillas, tías, amigas…Perden a vida a mans de asasinos machistas que algúns se empeñan en facernos crer que non existen. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios