O Concello de Lugo inicia o expediente para modificar o trazado do carril bici priorizando a seguridade 

A alcaldesa de Lugo explicou que veñen de iniciarse os traballos para modificar o trazado do carril bici da cidade, dando así cumprimento ao compromiso adquirido de revisar unha infraestrutura que, desde a súa implantación, xerou un amplo debate social.

Elena Candia compartiu na rolda de prensa celebrada esta mañá un informe da Policía Local que identifica 13 puntos con deficiencias de seguridade no carril bici que o anterior goberno construiu en varios barrios da cidade.

Artigo 71 Regulamento UE

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, explicou que as obras do carril bici foron financiadas con fondos europeos, polo que calquera modificación debe respectar o artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013, relativo á durabilidade das operacións subvencionadas.

Este precepto establece que, durante os cinco anos seguintes á finalización do proxecto, non poden introducirse cambios substanciais que alteren a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da actuación financiada, xa que iso podería supoñer a obriga de reintegrar os fondos europeos percibidos.

Neste contexto, Candia explicou que o Concello xa iniciou a elaboración dun expediente técnico e xurídico que permitirá introducir modificacións no trazado actual sen comprometer o cumprimento desta normativa, acreditando que o obxectivo da actuación —fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte sostible— continúa garantido.

«Se xa tiñamos claro que era unha infraestrutura que xeraba un importante rexeitamento social, hoxe contamos ademais cun informe técnico que identifica diferentes problemas de seguridade. E por iso decidimos que a primeira fase da modificación do trazado comece precisamente polos puntos nos que os técnicos detectan maiores riscos.»

Comparte éste artículo
No hay comentarios