O Concello de Lugo e o Río Breogán camiñan da man para levar con orgullo o nome da cidade por todo o continente europeo. A administración municipal reitera o seu apoio oficial ao conxunto celeste ante o seu esixente reto na Basketball Champions League (BCL) para a tempada 2026-2027.
Co gallo desta alianza, a rexedora lucense, Elena Candia, xunto cos concelleiros Damián Carballo e Mar Carballas, recibiu na Casa do Concello a directiva e ao persoal do club para presentar a equipación oficial de xogo na competición europea. O acto contou coa presenza da presidenta da entidade, Carmen Lence; o vicepresidente; o director xeral, Salva Arco; o director deportivo, Tito Díaz; o adestrador, Luis Casimiro; e os xogadores Petar Aranitović, Erik Quintela, Jonathan Kasibabu e Francis Alonso.
A nova camisola coa que o equipo competirá en Europa amosará a palabra «Lugo» de xeito prominente na parte frontal, mentres que a parte traseira incorporará o logotipo do Concello integrado coa silueta da Muralla Romana, Patrimonio da Humanidade.
Un embaixador do patrimonio lucense en Europa
Durante a recepción, a alcaldesa subliñou que o Río Breogán «forma parte inseparable da identidade da cidade; é moito máis ca un club deportivo». Así mesmo, puxo en valor o significado simbólico desta colaboración na indumentaria oficial: «Sabíamos que Lugo xa ía no corazón dos xogadores, pero a partir de agora irá tamén gravado na súa camisola, dándolles alento e forza nunha competición de máxima esixencia para todos nós».