Antonio Ameijide subliña que “estes son problemas xeneralizados na práctica totalidade da rede viaria da Deputación” e cre que “derivan da falta de mantemento por parte do goberno de PSOE e BNG que continúa con Carmela López ao fronte da institución provincial: din que todo cambiou; pero, en realidade, segue todo igual”.
Os deputados do Grupo Provincial Popular advirten dos “riscos para a seguridade” dos usuarios das estradas provinciais no municipio de Alfoz á vista do estado no que se atopan varias pontes nas vías LU-P-0203, LU-P-0206 e LU-P-0207. Así, os populares urxen ao goberno provincial de PSOE e BNG a actuar con urxencia “para evitar posibles danos” e “garantir a seguridade”.
Os deputados provinciais comprobaron o “perigoso estado” das pontes xunto ao presidente do PP de Alfoz, Alberto Souto, e o portavoz municipal, Juanjo Fraga. Os populares xa teñen posto sobre aviso ao goberno da Deputación de Lugo fai máis de dous anos, en marzo do 2024, sobre os danos un dos piares da ponte que se sitúa na LU-P-0203, moi preto da conexión coa LU-P-0206, “pero non fixeron nada e a situación agrávase co tempo”. O problema deriva dun dos piares que “perdeu a súa base e corre o risco de derrubamento, unha situación que xa sufriron varios veciños da provincia coma os de Muras ou de Navia de Suarna”, apuntan.
En relación a unha ponte da LU-P-0206, os populares advirten do perigo que supón a presenza da maleza porque oculta as barreiras protectoras e un bloque de formigón. Neste caso, “para facer visibles estes elementos é necesario o desbroce e tamén mellorar a sinalización”.
E na LU-P-0207, a ponte sobre o río Ouro en Centoi continúa coas varandas rotas dende fai dun ano pero aínda instalaron estes días unha medida provisional; e a ponte sobre o río Bao ten escasos 3 metros de anchura mentres que o resto da vía ten 6 metros de plataforma pavimentada.
Dende o PP local condenan o “abandono xeneralizado” da limpeza e mantemento das estradas titularidade da Deputación. E advirten que “o desbroce das marxes realizado ata o momento non é suficiente. As zonas que resultan perigosas precisan ser limpas con medios manuais”.
Tamén demandan a poda das ramas das árbores sobre as vías. “Os vehículos altos tocan nas árbores” o que pode supoñer “non só danos en camións, autobuses ou maquinaria agrícola, senón un risco para a seguridade dos usuarios destas estradas”.
O voceiro provincial, Antonio Ameijide, subliña que “estes problemas se estenden a práctica totalidade da rede viaria da Deputación” e considera que “se derivan da falta de mantemento por parte do goberno de PSOE e BNG que continúa con Carmela López ao fronte da institución provincial”. Polo que asegura que “din que todo cambiou; pero, en realidade, segue todo igual”.