Lugo celebra a diversidade e a convivencia na xornada do Día da Colombianidade

O Concello de Lugo reafirmou este fin de semana o seu compromiso cunha cidade aberta, plural e acolledora durante a celebración do Día da Colombianidade. A xornada de convivencia, organizada baixo o lema «Amor por Colombia», encheu o Pazo de Feiras e Congresos de música, folclore e tradicións, permitindo á comunidade colombiana compartir a súa riqueza cultural coa cidadanía lucense.

O evento contou coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e do concelleiro de Política Social, Maiores e Migración, Gustavo Díaz, quen acompañaron aos asistentes nunha programación que incluíu actuacións de danza e música tradicional, así como mostra e degustación da gastronomía típica do país suramericano.

Durante a súa intervención, a rexedora puxo en valor o papel fundamental da poboación procedente do exterior no desenvolvemento do municipio: «Lugo é unha cidade que medra cando abre as súas portas á diversidade, ao respecto e á convivencia entre culturas. A achega da comunidade colombiana e doutras nacionalidades é clave para a vida social, económica e cultural da nosa cidade», destacou Elena Candia.

Con este encontro, o Concello reforza o seu apoio ás iniciativas que promoven a integración, o intercambio cultural e o estreitamento de lazos entre as distintas comunidades que fan de Lugo un municipio cada vez máis diverso.

Comparte éste artículo
No hay comentarios