O BNG Lugo esixe á Xunta a rehabilitación dos seus edificios ruinosos e cheos de maleza no Carril dos Fornos

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira Cristina López, visitaron hoxe o Carril dos Fornos, no barrio da Tinería, onde se poden observar varios edificios en estado ruinoso que permanecen sen rehabilitar «e que nestas datas supoñen un risco especial ante as altas temperaturas, debido á maleza que acumulan no seu interior», afirmou Rubén Arroxo. O portavoz do BNG afirmou que a previsión meteorolóxica, que anuncia novas datas de calor intenso, supón «un verdadeiro risco» ante o estado destas construccións, e reclamou «unha actuación urxente» para eliminar a maleza e reducir así o risco de incendio.

Arroxo criticou que a Xunta siga «retrasando» a renovación integral da Tinería, «un proxecto iniciado polo BNG no Bipartito e que, coa chegada de Feijoo en 2009, foi totalmente abandonado». O portavoz do BNG lembrou que nese período se investiron «máis de 20 millóns de euros para recuperación deste barrio», nun proxecto que «hoxe podería ser un gran exemplo a nivel internacional sobre como recuperar un barrio histórico como a Tinería».

O proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego foi recoñecido do Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas no ano 2008. Valorouse o proxecto de recuperación do patrimonio por unha iniciativa pública, xunto coa rehabilitación e rehabitación dun barrio a carón da Muralla de Lugo, porque posibilitaba a recuperación da actividade comercial e social do barrio, a creación de emprego así como o uso dos baixos, propiedade pública, para o emprendemento e mesmo usos institucionais, e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.

Comparte éste artículo
No hay comentarios