O BNG de Valga esixe explicacións polo corte de luz realizado pola compañía eléctrica no edificio do CODI, o CIM e o Servizo de Madrugadores

O BNG de Valga solicitará con carácter de urxencia toda a documentación e información relacionada co recente corte do subministro eléctrico no edificio municipal onde desenvolven o seu traballo o Centro Ocupacional de Persoas con Discapacidade (CODI), o Centro de Información á Muller (CIM) e o Servizo de Madrugadores. Con esta iniciativa exíxese coñecer o motivo exacto polo que a compañía eléctrica interrompeu o servizo e, moi especialmente, se esta drástica medida responde a un posible enganche eléctrico ilegal e sen as autorizacións regulamentarias.

Cómpre lembrar que se trata dun inmoble onde se prestan servizos de máxima sensibilidade social. Cada mañá, numerosas familias de Valga deixan alí os seus fillos e fillas no Servizo de Madrugadores coa absoluta confianza de que permanecen nun espazo protexido e con todas as garantías legais. A seguridade da infancia, das persoas con discapacidade atendidas no CODI, das usuarias do CIM e do propio persoal municipal non se pode dar xamais por suposta, nin poñer en risco baixo ningún pretexto.

A información á que tivo acceso o BNG de Valga indica que este edificio podería levar anos recibindo electricidade de xeito irregular desde outros inmobles lindeiros, sen contar cun punto de subministro propio. De confirmarse esta gravísima anomalía, o goberno local terá que dar explicacións de inmediato sobre se ese enganche tiña autorización, se estaba incluído no proxecto eléctrico, se fora debidamente certificado e rexistrado ante a Consellería de Industria, e se fora sometido aos controis de seguridade obrigatorios.

O asunto transcende o mero orixe da enerxía; o verdadeiramente alarmante é determinar se a instalación ofrece as garantías legais e técnicas mínimas. Atendendo ás súas características, un inmoble destas dimensións debe contar con proxecto ou memoria técnica, certificado de instalación, documentación de posta en servizo e rexistro oficial, ademais de superar as inspeccións iniciais e periódicas dun Organismo de Control Autorizado (OCA).

Ante esta situación, o grupo municipal do BNG de Valga preguntará desde cando se vén empregando este sistema de subministración, quen tiña coñecemento del, de que edificio procedía a electricidade, quen asumía os custos do consumo e que actuacións levou a cabo o goberno local para regularizar a situación e evitar calquera perigo. Sen un contador legalizado non hai garantía ningunha de que a instalación cumpra o Regulamento Electrotécnico de Baixa Tensión. Ante un eventual incendio, curtocircuíto, avaría grave ou accidente persoal, a compañía

aseguradora rexeitará categoricamente cubrir os danos, ao ter orixe nunha instalación sen contrato legal e irregular. Ademais, un enganche sen control da distribuidora supón un risco activo e constante pola falta de proteccións na rede.

Así mesmo, o BNG solicitará a relación completa dos CUPS (Código Universal do Punto de Subministración) de todas as dependencias e servizos municipais, xunto cos seus contratos e contadores correspondentes. Este código é o único identificador oficial que garante que cada edificio conta coa súa alta e contrato en regra. Porén, tras analizar o prego de condicións técnicas do contrato de subministro eléctrico adxudicado en xullo de 2025 a Astralcad Energía, S.L., obsérvase con preocupante evidencia que instalacións clave como o inmoble do Xulgado de Paz, Radio Valga e a Biblioteca de Ponte Valga, o Albergue de Peregrinos e Centro Social do Pino, o Centro de Interpretación da Caña do País ou o Centro Social dos Vilares non teñen asignado CUPS, o que amosa que poderían estar funcionando tamén en situación ilegal e sen contadores.

O feito de que todos estes edificios municipais carezan de CUPS evidencia que as súas instalacións non superaron os controis regulamentarios de seguridade, situándose nunha zona de absoluta irregularidade que anula calquera garantía. Desde a perspectiva da prevención de riscos profesionais e da seguridade cidadá, unha instalación municipal sen CUPS é un risco activo inaceptable. O goberno municipal ten a obrigación de proceder á súa revisión urxente mediante unha empresa instaladora autorizada e tramitar a súa legalización sen máis demoras.

Por todo isto, o alcalde debe ofrecer explicacións inmediatas e actuar con total transparencia ante os veciños e veciñas. Se se confirma que un edificio frecuentado a diario por menores e persoas en situación de vulnerabilidade funcionou durante anos cunha instalación ilegal e sen controis de seguridade acreditados, estaríamos ante unha neglixencia administrativa e política de enorme gravidade. Unha situación destas características pon de manifesto a perigosa sensación de impunidade coa que goberna este executivo, coma se a normativa, a seguridade e os controis esixibles a calquera veciño ou empresa non fosen con eles. “Desde o BNG de Valga queremos garantir que o funcionamento deses servizos baixo os máis altos estándares de seguridade, legalidade e transparencia”, conclúe Fran Devesa.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios