O PP advirte doutro “incumprimento máis do Goberno de Sánchez e do PSOE con Lugo” á vista dos “atrasos” na posta en marcha da intermodal

A data prevista para finalizar as obras era a primavera do 2026 e o propio Ministro Óscar Puente anunciaba no Senado que en xuño viaxaría a Lugo para inaugurar a intermodal, pero “un mes despois continúa sen estar ao servizo dos lucenses

O PP da provincia de Lugo alerta dos “atrasos” na posta en marcha da estación intermodal de Lugo que constitúen “un incumprimento e un desprezo máis do Goberno de Sánchez e dos socialistas coa cidade e coa provincia de Lugo”.

Á vista de que pasou preto dun mes con respecto á data anunciada polos representantes do Goberno e do PSOE para a inauguración desta infraestrutura, a finais de xuño; os deputados e senadores do PP lucense veñen de dirixir preguntas por escrito ao Executivo sobre “os motivos do incumprimento do prazo de finalización e entrega das obras”. Así mesmo esixen un desglose con detalles das actuacións pendentes e a nova data para a súa finalización prevista polo Goberno “de forma clara e inaprazable”, como matiza o senador José Manuel Barreiro.

A data prevista para a conclusión das obras da intermodal era a primavera do 2026. E o 7 de abril, o propio Ministro Óscar Puente anunciaba no Senado que viaxaría a Lugo no mes de xuño deste ano para inaugurar a nova estación. Posteriormente, ratificaban esa mesma data o Delegado do Goberno, Pedro Blanco, nunha visita ás obras a comezos do mes de maio xunto á Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López; o concelleiro socialista en Lugo, Miguel Fernández; e o secretario xeral do PSdeG, o lucense José Ramón Gómez Besteiro.

“Ningún dixo a verdade”, subliña o deputado Jaime De Olano. Está finalizando o mes de xullo, un mes despois do anunciado polos representantes do Goberno e os socialistas lucenses, e “a estación intermodal segue sen estar en funcionamento e ao servizo dos lucenses”, apunta Barreiro.

INCUMPRIMENTOS CON LUGO

Os populares advirten que “estamos ante outro incumprimento con Galicia e en particular con Lugo e a súa provincia”. Ao novo atraso na finalización da A-54, a autovía que debería unir as cidades de Lugo e Santiago de Compostela; hai que sumar “outro desprezo máis”. Este mesmo martes coñecíamos que Lugo non albergará a sede da Axencia Estatal de Saúde Pública.

“Todos os incumprimentos e todos os desprezos a Lugo e a Galicia prodúcense coa complicidade do PSdeG, que cando teñen que elixir entre os galego e Pedro Sánchez sempre elixen a Sánchez, e do BNG que mantén o seu apoio a Sánchez por moito que maltrate aos galegos e aos lucenses en particular”, conclúe De Olano.

Etiquetas
Comparte éste artículo
2 comentarios