O PSdeG da provincia de Lugo cargou hoxe con dureza contra o Partido Popular por tentar responsabilizar ao Goberno de España dos prazos na posta en funcionamento da Estación Intermodal. Os socialistas cualificaron a actitude do PP de «desvergoña absoluta» e lembraron que a infraestrutura «estivo paralizada e metida nun caixón durante os seus anos á fronte do Executivo central».
«Que se queixen agora de atrasos os mesmos que enterraron esta infraestrutura é unha desfachatez histórica. A realidade é que foi o Goberno de Pedro Sánchez quen recuperou o proxecto, mobilizou os recursos necesarios e puxo en marcha unhas obras que moi pronto estarán ao servizo da cidadanía», denunciaron dende a formación socialista.
Dende o PSdeG subliñan que as actuacións promovidas por Adif (a nova terminal ferroviaria) están na súa fase final e abrirán proximamente. «O PP pode tentar construír o relato que queira, pero non pode ocultar a evidencia: con eles o proxecto estaba morto e co Goberno socialista está practicamente rematado».
Cinismo político: a Xunta é quen vai con retraso
A formación socialista lembrou que a Intermodal é un proxecto compartido e puxo o foco nas tarefas pendentes do Executivo autonómico. Mentres Adif asume a nova terminal e boa parte da integración urbana e do estacionamento (cunha achega de 30,9 millóns, o 63% do total), a Xunta de Galicia é a responsable da estación de autobuses e de parte do aparcadoiro subterráneo.
«Resulta especialmente cínico que o PP intente sinalar ao Goberno de España cando as actuacións que presentan menos avances son precisamente as que dependen da Xunta. Os populares deberían explicar primeiro por que deixaron morrer o proxecto en Madrid e por que a Xunta non avanza na parte que lle corresponde antes de montar esta nova campaña de falsidades», criticaron.
Un investimento histórico de 746 millóns fronte á «nada» do PP
Os socialistas enmarcan a finalización da Intermodal no compromiso orzamentario sen precedentes do Goberno central con Lugo, que supera xa os 746 millóns de euros en infraestruturas clave como a modernización da liña Ourense-Monforte-Lugo (650 millóns), a rehabilitación da A-6 e o despregamento da conectividade dixital.
«Non houbo unha soa obra de envergadura impulsada e rematada na provincia durante os anos de Goberno do PP. Paralizaron a Intermodal, frearon a A-54 e deixaron abandonada a liña ferroviaria. Agora pretenden apropiarse dos avances e acusar de incumprimentos a quen tivo que rescatar o que eles mesmos enterraron. Fronte aos feitos do PSOE, o PP só ofrece ruído, mentiras e confrontación», concluíron.