ADEGA pide á Xunta que rexeite a utilidade pública dos parques eólicos paralizados polo TSXG

Empresas eólicas con parques paralizados cautelarmente polo TSXG para evitar danos ambientais irreparábeis están a solicitar á Xunta a declaración de utilidade pública para poder ocupar as terras ou expropialas, nunha posíbel manobra de intimidación.

É o caso do parque eólico Xesteirón, nos concellos de Chandrexa de Queixa e Montederramo, ao carón do Macizo Central Ourensán, inicialmente promovido por Greenalia e posteriormente vendido á empresa francesa Engie, a antiga GDF Suez (Gaz de France). As autorizacións deste parque foron recorridas por ADEGA en 2024 mediante a interposición dun contencioso-administrativo no TSXG. O Alto Tribunal Galego concedeu as medidas cautelares solicitadas e paralizou a execución da infratestrutura en agosto dese mesmo ano.

No seu auto, a Sala recollía que ADEGA conseguiu demostrar a presenza de «elementos ambientais altamente sensíbeis ou ameazados« na zona afectada, polo que acreditouse de forma «clara« que a construción do proxecto comportaba un «risco de dano irreparábel ou de difícil reparación dados os valores ambientais comprometidos»

Na área afectada habitan especies ameazadas coma a aguia real, o voitre branco ou o millafre real, polo que o Tribunal se acolleu ao Principio de Precaución disposto no dereito comunitario e paraliZou cautelarmente o parque, ao entender que as «poderosas razóns ambientais« achegadas por ADEGA debían prevalecer sobre as «razóns económicas» aducidas pola empresa e a Xunta.

Manobras especulativas e xogo de trileiros

O parque eólico Xesteirón é unha das instalacións que entrou no pacote de 182 MW que Greenalia vendeu á francesa Engie por 58 millóns de €. Esta venda anunciouse a principios de xuño de 2023, poucos días despois (26 de maio de 2023) de que o TSXG anulara as autorizacións do parque eólico Campelo, o primeiro dun longo ronsel de parques anulados a Greenalia polo Alto Tribunal galego.

Daquela, ambas compañías evitaron anunciar que activos (parques eólicos e fotovoltaicos en tramitación en Galiza e Andalucía) estaban implicados na operación. ADEGA puido pescudar que os parques eólicos galegos vendidos a Engie foron, xunto co de Xesteirón (39,6 MW), os de Rodicio II (10,4 MW), As Penizas (31,2 MW), Touriñán III-2 (24 MW) e Suime (30 MW). Todos eles atópanse nestes intres paraliZados cautelarmente polo TSXG, os catro primeiros por denuncia de ADEGA no marco da campaña «Ti podes paralos» e o de Suime por outras entidades.

Chama a atención a urxencia de Greenalia en desfacerse de activos que, logo do fallo do TSXG que anulou o seu «parque insignia» de Campelo, poderían considerarse «problemáticos». E non tanto pola cuestión da fragmentación artificiosa, posteriormente anulada polo Tribunal Supremo para os parques de Campelo e Bustelo, senón polo feito de amosaren graves eivas ambientais postas de manifesto polo Tribunal en todos os autos. 

Este poderoso argumento, nidiamente presente no auto do Campelo e posteriormente nos das demais instalacións recorridas, xunto coa necesidade de «facer caixa» e afontar a débeda de 40 millóns de € co Santander que vencía a finais de 2023, ben puido ser a causa da apresurada venda destes 5 parques, verdadeiros activos tóxicos, á francesa Engie.

Patadón cara adiante de Engie e a Xunta

A enerxética Engie, prexudicada polas suspensións dos seus 5 proxectos eólicos en Galiza como resultado do desafortunado negocio con Greenalia, solicita agora a utilidade pública do parque eólico Xesteirón, un deses 5 malfadados parques. 

É moi probábel que este proxecto, xunto cos demais suspendidos polo TSXG, continúe paralizado até que se resolva o fondo do asunto, posibelmente dentro de varios anos. Lembremos que dos máis de 80 parques paralizados cautelarmente polo Alto Tribunal galego, só os dous primeiros (Campelo e Bustelo, precisamente de Greenalia e recorridos en 2022) foron obxecto de sentenza, e ademais contraria en primeira instancia aos intereses da promotora.

Dende ADEGA descoñecemos as razóns polas que Engie pretende agora forzar a tramitación das expropiacións dun parque eólico paralizado pola Xustiza, que moi probabelmente non chegará a resolver (incluíndo os posíbeis recursos) até dentro de varios anos. Podería tratarse dunha estratexia «de cara á galería» para, por unha banda, amosar aos seus accionistas que o proxecto segue vivo e non tiraron cos cartos, e por outra, axitar o espantallo das expropiacións para ir amansando á veciñanza comprometida coa preservación do Macizo Central.

Sexa como for, ADEGA esixe á Xunta que mentres a execución deste parque, ou de calquera outro, siga paralizada pola Xustiza e pendente de recurso, non autorice ningunha actuación administrativa e menos aínda declare de utilidade pública unha instalación con fundadas sospeitas de causar un «dano irreparábel aos valores ambientais comprometidos«.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios