O Concello de Vigo pon en marcha, coincidindo co inicio da tempada ligueira, un novo dispositivo estable de seguridade, mobilidade e tráfico para os partidos do RC Celta e do Celta Fortuna no Estadio Municipal de Balaídos. A iniciativa busca ordenar os fluxos de peóns, vehículos e transporte público, situando a protección dos afeccionados como prioridade absoluta.
«Queremos incrementar a seguridade de toda a área de Balaídos, especialmente nos momentos de maior concentración á entrada e á saída do estadio», destacou o alcalde, Abel Caballero. O rexedor explicou que o obxectivo é «pasar de dispositivos específicos para cada partido a un modelo estable e coordinado» que responda de forma homoxénea ás necesidades da contorna, con pequenos axustes segundo a afluencia prevista.
Distribución dos espazos e reservas de estacionamento A nova planificación define espazos delimitados para cada uso arredor do perímetro do estadio:
- Persoas con mobilidade reducida (PMR): Contarán con puntos reservados no perímetro para facilitar un acceso sen barreiras.
- Motocicletas: Habilítase unha área de 230 metros na avenida de Citroën con capacidade para 175 motos, evitando así a ocupación das beirarrúas.
- Prensa e servizos: A contorna da pista de atletismo disporá de 100 metros reservados (45 prazas) para os medios de comunicación, ademais de áreas específicas para televisión, autoridades, equipos e seguridade.
- Transporte colectivo e taxis: A avenida de Fragoso acollerá 100 metros para o transporte urbano e dúas zonas de 150 metros para os autobuses das peñas. Na avenida de Balaídos reservarónse 12 prazas para taxis.
Restricións por obras e seguridade O plan prohibe de forma estrita o estacionamento , incluído sobre as beirarrúas, en puntos sensíbeis do perímetro para manter libres os itinerarios peonís.
Pola súa banda, a zona situada fronte á grada de Tribuna manterá as limitacións de acceso para clubs e seguridade, intensificadas actualmente polas obras de preparación do estadio para o Mundial 2030. A explanada posterior á grada de Marcador seguirá reservada en exclusiva para as unidades móbiles de televisión.