Besteiro esixe a Rueda negociar 1.000 millóns máis de financiamento para evitar que Galicia perda “unha oportunidade histórica”

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, emprazou hoxe a Alfonso Rueda a negociar co Goberno de España unha mellora do financiamento autonómico de arredor de 1.000 millóns de euros anuais para Galicia. Fíxoo no pleno extraordinario sobre o teito de gasto, un debate no que o presidente da Xunta, presente no hemiciclo, declinou intervir. «Estamos nun momento histórico. Toca decidir que financiamento teremos nos próximos anos e Galicia non pode quedar fóra desa negociación», advertiu.

Besteiro dirixiu boa parte da súa intervención a Rueda, que seguiu o debate desde o seu escano sen subir á tribuna. Non por descortesía co conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, aclarou, senón porque quen tiña que defender hoxe este asunto era o propio presidente. O financiamento autonómico é, dixo, «o elefante na habitación»: condiciona todo o debate orzamentario e o PP négase a abordalo. «Levamos tanto tempo convivindo co elefante que xa nos parece normal», ironizou.

O líder socialista enumerou as preguntas que continúan sen resposta por parte do Executivo autonómico: Defende o PP galego o sistema de réxime común? Parécenlle suficientes os 20.975 millóns adicionais que achega a proposta do Ministerio de Facenda? «Nada. Silencio. Non hai un modelo de financiamento para Galicia; hai un modelo de confrontación co Goberno de España e de obediencia ao que se dita desde a rúa Xénova», afirmou. Fronte a iso, lembrou que o PSdeG é a única forza que puxo cifras sobre a mesa: a proposta estatal é boa para Galicia, pero debe afinarse ata acadar un incremento de arredor de 1.000 millóns de euros. «Nós dixémolo desde o primeiro día. Vostedes non dixeron nin onde, nin como, nin que teclas hai que tocar», reprochou.

A quita da débeda e os recursos de Galicia

Besteiro insistiu en que o calendario apreta. O 4 de setembro reúnese o Consello de Política Fiscal e Financiera e, a partir de aí, o debate pasará aos grupos parlamentarios do Congreso. No último trimestre do ano aprobarase a condonación da débeda autonómica, unha quita que hai que solicitar expresamente. «Que vai facer a Xunta? Seguir dicindo que non lle interesan 4.010 millóns de euros? Ninguén entende que pasar de deber 12.000 millóns a deber 8.000 sexa malo para Galicia. Ninguén», amosouse contundente, lembrando que desta medida quedan excluídas as comunidades de réxime foral.

Tamén desmontou o relato do PP sobre o crecemento económico. Se o avance do PIB galego é mérito da Xunta, razoou, o de España (un 2,7% segundo o último dato) hase atribuír tamén ao Goberno central. Os números constatan que Galicia recibirá en 2027 as maiores entregas a conta da súa historia, con 12.543 millóns de euros (un 8% máis ca este ano). Máis do 80% deses recursos procede das arcas do Estado, sumado a un investimento estatal récord con máis de 2.860 millóns de euros executados en Galicia nos dous últimos anos.

Ademais, sinalou que os datos desmanten o discurso dunha comunidade discriminada: Galicia é a quinta autonomía por poboación e a sexta por PIB e, aínda así, foi a cuarta con máis investimento estatal executado. En investimento directo da Administración Xeral do Estado ocupa o segundo posto, só por tras de Madrid: máis do dobre ca Cataluña e un 38% máis ca Andalucía. «Pódese reclamar máis, e non renunciaremos a un só euro do que Galicia merece, pero non se pode falar dunha comunidade de segunda cando os datos din exactamente o contrario», subliñou.

Paralelamente, criticou que o PP tombase no Congreso a senda de estabilidade, unha decisión que resta arredor de 272 millóns de capacidade de gasto en sanidade, educación, vivenda e políticas sociais á Xunta e aos concellos galegos.

Servizos públicos e alternativa de modelo

O portavoz socialista denunciou que, con máis recursos ca nunca, Galicia teña hoxe peores servizos públicos: 35.147 persoas agardan por unha vivenda pública, 350.000 esperan por unha consulta médica e 13.000 seguen á espera duna praza en residencia. O problema, indicou, non é de recursos, senón da incapacidade do Goberno galego para transformalos en emprego e oportunidades.

Marcou distancias tamén co modelo do BNG, advertindo de que o concerto económico que defenden os nacionalistas rompería a caixa única do sistema común e a solidariedade interterritorial. «É unha posición lexítima e respectámola, pero cremos que é un erro. A solidariedade preside o sistema común e o concerto exclúea», afirmou.

Por contra, Besteiro defendeu o modelo socialista: un sistema de réxime común, solidario e con corresponsabilidade fiscal. «Se queremos máis financiamento, temos que asumir a responsabilidade fiscal. Non se pode xogar coma un trileiro: bonificar impostos aquí e reclamar máis fondos alá», concluíu, emprazando a Rueda a clarificar a súa posición antes do Consello de Política Fiscal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios