Cultura rural. Por @DulceCorcu

No medio das alarmantes novas sobre os incendios e as vagas de calor que retransmite o «parte» televisivo, a vida nalgúns lugares transcorre paseniño, ollando o mundo que pasa por diante da casa con mochila ao lombo nunha peregrinaxe interminable pero xa cotián. Distintas nacionalidades e línguas que non impresionan ás veciñas que, en moitos casos, coñeceron a emigración e ese outro peregrinar que nunca era por pracer, senón pola imperiosa necesidade á que obrigaba outros tempos. 

Transcorrida toda unha vida e instaladas no mesmo lugar onde naceron, mulleres do rural galego sentan co solpor na porta, tal como facían antaño as súas devanceiras se o traballo o permitía. Cando o sol comezaba a morrer, elas vivían eses intres de veciñanza e distensión. Xanelas abertas polas que saía o arrecendo a broa ou a peixe fritido da cea, capturado polos homes da casa e aínda chorreando mar cando caían na tixola. Minutos para poñerse ao día de canto acontecera mentres o luar buscaba acomodo entre as incipientes estrelas que se abrían no ceo. Un día tras outro de veráns que se repiten no tempo, aos que xa chegan a tecnoloxía e o turismo entre outros avances, pero nos que elas permanecen inalterables e puntuais a súa cita co anaco á fresca entre veciñas. Un costume arraigado que, coas aldeas e pobos baleirándose a toda velocidade, acabará por privarnos dunha cultura rural que aínda vive en mulleres como Maruja, Ermitas, Pepita e Lela, fotografadas este mes de xullo en Sardiñeiro (Fisterra).

Comparte éste artículo
No hay comentarios