Unha tese do CITENI abre novas vías para desenvolver unha electrónica orgánica máis resistente e flexible

A tese, desenvolvida pola investigadora Jesika Asatryan dentro do Laboratorio de Polímeros Funcionais, demostra como o proceso de fabricación condiciona a estrutura e as propiedades mecánicas dos polímeros semicondutores

A electrónica orgánica promete revolucionar sectores como os da electrónica de consumo, a saúde ou a xeración de enerxía grazas á súa flexibilidade, lixeireza e baixo custo de fabricación. Con todo, a súa limitada resistencia mecánica continúa sendo un dos principais desafíos para ampliar as súas aplicacións. Comprender como inflúe o proceso de produción no comportamento destes materiais é o obxectivo da pescuda que desenvolveu Jesika Asatryan no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña.

Froito deste traballo nace a tese “Interrelación entre o procesamento, a microestrutura e as propiedades mecánicas no polímero semicondutor D18: coñecementos derivados de experimentos cuantitativos de dispersión de raios X de grande ángulo con incidencia rasante”. Realizado dentro do Laboratorio de Polímeros Funcionais, este estudo analiza como as condicións de fabricación modifican a estrutura interna dos polímeros semicondutores, o que á súa vez condiciona a súa resistencia mecánica. Este coñecemento resulta fundamental para deseñar dispositivos electrónicos máis fiables e duradeiros.

Observar o interior dos materiais

Para responder esta cuestión, a investigadora empregou técnicas avanzadas de caracterización da estrutura dos materiais. Unha das máis relevantes é a dispersión de raios X de grande ángulo con incidencia rasante (GIWAXS, pola sigla en inglés), que permite analizar a organización interna de películas ultrafinas de polímero sen necesidade de alteralas. Igual que unha radiografía permite ver o interior do corpo sen necesidade de abrilo, esta técnica amosa como se distribúen e se ordenan as moléculas que forman o material.

Con todo, os datos obtidos mediante a GIWAXS non reflicten por si sós con exactitude o grao de orde do polímero. Unha das principais achegas da investigación foi desenvolver unha metodoloxía que permite corrixir esa información e cuantificar con maior precisión o seu grao de cristalinidade, é dicir, o nivel de organización das moléculas que o forman. Isto permitiu comprobar como as distintas condicións de fabricación modifican esa estrutura interna e, en consecuencia, as propiedades mecánicas do material. 

Cara a dispositivos máis resistentes e eficientes 

Ao establecer unha relación directa entre o proceso de fabricación, a estrutura dos polímeros e o seu comportamento mecánico, este traballo proporciona unha nova ferramenta para deseñar materiais con propiedades optimizadas. Trátase dun enfoque que permitirá desenvolver dispositivos de electrónica orgánica máis resistentes e duradeiros, con aplicacións en pantallas OLED, transistores orgánicos de efecto de campo (OFET), dispositivos fotovoltaicos orgánicos (OPV) e outras tecnoloxías flexibles emerxentes.

Defensa da tese 

O traballo, dirixido polo investigador Jaime Martín, do Laboratorio de Polímeros Funcionais do CITENI, foi defendido o 23 de xullo de 2026 no Salón de Actos do Campus Industrial de Ferrol, dentro do Programa Oficial de Doutoramento en Física Aplicada da Universidade da Coruña.

O tribunal estivo composto por Esther Barrena, investigadora do Instituto de Ciencia de Materiais de Barcelona (ICMAB-CSIC), como presidenta; Belén Montero, investigadora do Grupo de Polímeros da Universidade da Coruña, como secretaria; e Alberto Davide Scaccabarozzi, profesor asistente do Politecnico di Milano, como vogal.

A tese, que recibiu a cualificación de sobresaínte, contribúe a ampliar o coñecemento sobre os polímeros semicondutores e abre novas posibilidades para o desenvolvemento de dispositivos de electrónica orgánica máis resistentes e duradeiros, ao tempo que reforza o papel do Campus Industrial de Ferrol na investigación en materiais avanzados.

Comparte éste artículo
No hay comentarios