Carmela López “mantén vixentes as políticas de Tomé” e usa a Deputación como a “chequera do PSOE” para financiar os desmanes económicos dos concellos socialistas

Antonio Ameijide pregunta: “Carmela López ten pensado poñer en marcha unha liña de financiamento para sufragar os gastos correntes dos 67 concellos da provincia ou unicamente ten sensibilidade con aqueles municipios gobernados polo PSOE e BNG, mantendo ese municipalismo de amiguetes que puxo de moda o seu antecesor no cargo”.

Na xunta de goberno da Deputación do 24 de xullo aprobouse un convenio interadministrativo co Concello de Meira por importe de 150.000€ destinados, na súa totalidade, a sufragar gastos correntes baixo a denominación de ‘Prestación de servizos público básicos’.

Ante esta nova adxudicación de fondos provinciais a un concello gobernado por socialistas “para que poidan pagar as débedas derivadas da súa mala xestión”, o voceiro do provincial popular, Antonio Ameijide, volveu a censurar “o sectarismo do goberno provincial”.

Ademais, recorda que non é a primeira vez no presente mandato que se aproba un convenio destas características con este Concello “o que demostra que Carmela López segue o libro de José Tomé e volve a asinar un convenio para axudar a tapar a mala xestión dun alcalde socialista co diñeiro de tódolos lucenses”.

Antonio Ameijide ironizou e lanzou unha pregunta directa a Carmela López: “Ten pensado poñer en marcha unha liña de financiamento para sufragar os gastos correntes dos 67 concellos da provincia ou unicamente é para aqueles municipios gobernados polo PSOE e BNG, mantendo ese municipalismo de amiguetes que puxo de moda o seu antecesor no cargo”.

Neste senso, o popular insiste en que Carmela López mantén vixentes as directrices de José Tomé e segue a usar a Deputación como a chequera particular do PSOE ante a incapacidade manifesta dos seus alcaldes para xestionar os recursos propios e facer fronte a gastos correntes, tales como:

  • Electricidade: 5.100€
  • Comunicacións, telefonía e publicidade: 8.200€
  • Materiais de mantemento e funcionamento 5.200€
  • Servizos de mantemento, reparación, alugueiro e subministro: 7.800€
  • Actividades culturais, turísticas e deportivas: 2.500€
  • Axuda no fogar: 98.431,42€
  • Combustible: 4.494€
  • Xestión de residuos, seguro de camión, lixo e subministro: 18.274,58€

Todo elo cunha achega do 100% por parte da Deputación (150.000€) fronte á achega cero do Concello de Meira.

Antonio Ameijide sinala que non se trata dun caso anómalo nin da primeira vez que a Deputación ten que socorrer a concellos socialistas para tapar a súa falta de solvencia económica e mala xestión — como xa fixeron anteriormente con casos como o Concello de Pol, entre outros —, o que evidencia unha absoluta “neglixencia dos socialistas e nacionalistas cando teñen que xestionar unha administración local e atender aos veciños con eficacia”.

“Os concellos da provincia merecen un reparto xusto, obxectivo e igualitario dos fondos públicos, e non un trato de favor partidista mentres se ignora o municipalismo real”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios