Coa folga xa rexistrada para o 12 de agosto no sector da hostalaría da provincia da Coruña, nos últimos días tivemos que escoitar o presidente da patronal coruñesa afirmar en distintos medios de comunicación que as organizacións sindicais non temos vontade de negociar, que descoñece as nosas reivindicacións e que estaban á espera de seren convocados para continuar coas negociacións.
Estas declaracións chocan coa realidade. Foi a propia patronal a que se comprometeu a presentar unha proposta de convenio como moi tarde durante a primeira semana de xullo. Máis dun mes despois, esa proposta segue sen aparecer, mentres se intenta trasladar aos sindicatos a responsabilidade dun bloqueo que só pode atribuírse á falta de iniciativa empresarial.
Por este motivo, e nun exercicio de responsabilidade coas persoas traballadoras e coa cidadanía, CCOO, UGT e CIG solicitamos onte á tarde a apertura dun procedemento de mediación no Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL). Abrimos así unha nova oportunidade para desbloquear a negociación.
Esperamos que a patronal acuda a esta mediación con propostas concretas e cunha vontade real de alcanzar acordos. As traballadoras e traballadores da hostalaría non necesitan máis declaracións públicas nin promesas incumpridas; necesitan un convenio colectivo que mellore as súas condicións laborais e salariais.
Convén lembrar que os salarios do sector permanecen practicamente conxelados desde xaneiro de 2024, mentres a actividade e os beneficios empresariais seguen a medrar. Se a patronal quere demostrar que existe vontade negociadora, este é o momento de facelo con feitos e non con palabras.