Hai un vello axioma na política eólica galega: se un proxecto se tomba pola porta dianteira, a promotora devolverao pola ventá do fondo cambiando o nome no expediente. Isto é exactamente o que vén de denunciarse no trámite de información pública do Parque Eólico Cantanarrás (expediente IN408A 2024/021), cuxo prazo de alegacións destapa a estratexia da promotora e a permisividade administrativa ante proxectos xa rexeitados.
O escrito de alegacións dirixido á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático esixe á Xunta a emisión duna nova Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorable e o arquivo definitivo do proxecto. As razóns non son poucas nin menores; son contundentes antecedentes que a propia Administración semella ter esquecido.
1. O «esqueleto no armario»: o antecedente de Fonsanta
En 2023, a Xunta de Galicia emitiu unha DIA desfavorable que rematou co arquivo en 2024 do proxecto eólico Fonsanta. ¿O motivo? Ocupaba Monte Grande e afectaba gravemente aos valores da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, especies ameazadas e patrimonio arqueolóxico. O actual expediente do P.E. Cantanarrás ocupa exactamente o mesmo emprazamento, pero omite deliberadamente este antecedente directo na súa documentación ambiental.
2. Desprezo ao marco legal de paisaxe e participación cidadá
A alegación lembra que o Decreto 238/2020 (Directrices de Paisaxe de Galiza) obriga a xustificar o deseño do proxecto baixo os Obxectivos de Calidade Paisaxística. Porén, o estudo presentado limita esta exixencia a citas normativas xenéricas, omitindo a xustificación preceptiva. O máis grave: a metodoloxía do Estudo de Paisaxe baseouse unicamente en «análises técnicas de gabinete», sen realizar ningún proceso de consulta á poboación local.
3. A só 40 metros da protexida Lagoa Grande
Mediante a Resolución do 9 de febreiro de 2024, a Xunta inclúe a Lagoa Grande no Inventario de Zonas Húmidas. O proxecto Cantanarrás sitúase a escasos 40 metros da poligonal do parque, vulnerando o réxime de protección legal específica (Decreto 127/2008 e Lei 5/2019). Esta proximidade foi completamente omitida na análise hidrolóxica do estudo presentado pola empresa.
4. «Chapuzas» técnicas e contradicións insostibles
O documento rexistrado pon al descubierto flagrantes incoherencias nos anexos ambientais do proxecto:
- O corpo principal cualifica de «Severo» o impacto sobre a Mámoa da Gándara Chá, mentres que no Anexo Arqueolóxico rebaixano a «Moderado».
- O estudo considera «Compatible» o impacto sobre o humidal, ao tempo que o Anexo de Fauna confirma a presenza no lugar de especies protexidas como o andarríos escuro (Tringa ochropus).
5. Moratoria e principio de precaución
A alegación subliña que, tras máis dun ano na fase previa de elaboración do novo Plan Eólico de Galicia, e en aplicación do principio de precaución (art. 191.2 do TFUE), a Xunta ten a obriga de impor unha moratoria e denegar a DIA ata que non estean delimitadas e aprobadas as novas Zonas de Aproveitamento Eólico (ADE).
A petición cidadá
Ante a acumulación de irregularidades, a falta de avaluación de impactos acumulativos e a agresión a un patrimonio de difícil recuperación (con impacto directo visual desde o Camiño da Prata), a Plataforma e os veciños asinantes solicitan a formulación duna DIA desfavorable e a denegación total das autorizacións previa, de construción e da declaración de utilidade pública do P.E. Cantanarrás.