A Asociación Cultural Entre a Néboa amosou o seu malestar ante a recente campaña de publicidade do Concello de Lugo na que presumen das tarefas de mantemento e coidado no Campo da Feira de Nadela. Desde o colectivo consideran «especialmente contraditorio e cínico» que o Executivo municipal faga agora gala da importancia de protexer este espazo tras desatender reiteradamente as peticións veciñais para a celebración da Feira do San Pedro.
Desde Entre a Néboa lembran que chegaron a rexistrar ata dous escritos —o primeiro deles no mes de maio— solicitando a roza e o acondicionamento básico da carballeira para poder organizar a cita festiva. «Daquela nin sequera recibimos resposta. Foi un servizo básico que se nos negou e que puxo de manifesto o desleixo cara á veciñanza de Nadela e cara á recuperación das nosas tradicións», critican desde a directiva.
Traballo voluntario fronte á inacción municipal
Ante a falta de resposta institucional e para evitar a cancelación do evento, foron as propias persoas socias e integrantes do colectivo quen asumiron de forma voluntaria os traballos de limpeza e roza que correspondían ao mantemento ordinario do Concello.
«A celebración da Feira do San Pedro foi posible única e exclusivamente grazas ao esforzo veciñal, nun contexto moi complexo e cheo de trabas por parte do Concello», destacan desde a asociación. Por iso, consideran «unha falta de consideración e un exercicio de cinismo» que o Executivo presuma agora en redes sociais de coidar un espazo polo que «hai só un mes non amosou o máis mínimo interese».