O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, realizou este domingo no Santuario da Virxe Peregrina a ofrenda institucional á patroa da provincia, a Virxe Peregrina. Na súa ofrenda, o vicepresidente provincial (acompañado polo presidente Luis López e outros membros do goberno provincial) avogou por “deternos un instante e preguntarnos cara onde queremos camiñar como sociedade” ante uns “tempos extraordinarios nos que todo avanza máis rápido do que somos capaces de asimilar, nos que as noticias percorren o mundo en segundos e o ruído ocupa, con demasiada frecuencia, o espazo que debería ser da reflexión”. Rafa Domínguez asegurou que “o progreso non se mide só en cifras, nin depende unicamente da economía ou da tecnoloxía: mídese na capacidade dunha comunidade para coidar das persoas”.




A este respecto, na súa ofrenda o vicepresidente lembrou que servir “é a razón de ser do servizo público: escoitar antes de decidir, comprender antes de xulgar, traballar sen buscar protagonismo, asumir responsabilidades con honestidade”. O goberno provincial realiza este exercicio “colaborando cos concellos, apoiando os colectivos, impulsando a cultura, preservando o patrimonio e mellorando os servizos públicos”, e o vicepresidente sinalou que “queremos renovar hoxe, diante de Ti, ese compromiso: traballar desde a proximidade, o diálogo e a responsabilidade”, porque “gobernar non é só administrar recursos, é administrar confianza e esta gáñase cada día, coas pequenas decisións, co cumprimento da palabra e coa honestidade”. Domínguez pediu pola provincia, pola paz, pola cultura e polas persoas enfermas, e deu grazas á Virxe “por seguir sendo punto de encontro para milleiros de persoas que atravesan a nosa cidade, e por lembrarlles a todos os peregrinos que cada paso ten sentido cando sabemos cara onde imos”.