Paralelamente, o CITIC acolle esta semana a “Solar MHD Conference”, no que se abordarán os últimos avances en física solar e as simulacións da atmosfera do Sol.
A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a inauguración do congreso internacional “New Frontiers in Cosmology”, que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley (Universidade de Berkeley, California), a Fundación Simons e a Universidade da Coruña, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
Durante o acto de inauguración, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, destacou o momento relevante que está a vivir a comoloxía, na que grazas ás altas capacidades de observación, os grandes volumes de datos e as técnicas computacionais, estanse plantexar novas preguntas sobre o Universo.
“Na Universidade da Coruña -destacou Cao- sentimos unha conexión especial con ese espíritu de investigación interdisciplinaria. Unha das integrantes do panel de hoxe, a profesora da UDC Minia Manteiga, ten sido durante moito tempo unha figura destacada da astronomía española e a súa presenza reflexa o firme compromiso da nosa Universidade coa excelencia científica, que se extende tamén a áreas emerxentes como la Intelixencia Artificial e a Ciencia de Datos, ou do noso Centro de Investigación en TIC desde onde contruibuimos aos avances en IA e na investigación basada en datos, campos que se cruzan cada vez más con disciplinas como a astrofísica e a cosmoloxía”.
Pola súa banda, a catedrática da UDC e investigadora do CITIC Minia Manteiga, co-directora do congreso, presentaba esta cita resaltando a experiencia de vivila durante a semana da eclipse total, unha oportunidade para conectar coa natureza e ver os cambios que produce no entorno este fenómeno.
O programa do congreso inclúe catro xornadas de actividade científica, con sesións dedicadas a diferentes áreas da investigación do universo, presentacións de traballos, sesións de pósteres e mesas de debate. Ao longo da semana, o encontro combinará sesións de revisión, intervencións de persoal investigador especializado, presentacións breves e sesións de pósteres, favorecendo o intercambio de resultados e o debate entre especialistas de diferentes áreas da cosmoloxía.
Participación de referentes internacionais en cosmoloxía
Entre as persoas participantes figuran investigadores e investigadoras procedentes de institucións internacionais e grupos especializados en CMB (do inglés “Cosmic Microwave Background”, ou Fondo Cósmico de Microondas), estrutura a grande escala segundo a trazan as galaxias, como estas se forman, ou intelixencia artificial aplicada á análise cosmolóxica.
Unhas das participacións destacadas é a de Uroš Seljak, profesor de Física e Astronomía na Universidade de Berkeley e codirector do Berkeley Center for Cosmological Physics, pioneiro do estudo do fondo cósmico de microondas e a estrutura a gran escala do Universo, que impartirá unha sesión sobre aplicacións da intelixencia artificial no estudo da estrutura a gran escala do universo.
O congreso contará tamén con Priyamvada Natarajan, profesora de Astronomía e Física na Universidade de Yale, recoñecida internacionalmente polos seus traballos sobre materia escura, lentes gravitacionais e formación dos primeiros buracos negros supermasivos. Natarajan ofrecerá un relatorio sobre a astrofísica das pequenas escalas.
Xunto a estas figuras consolidadas, o congreso reunirá unha destacada representación da nova xeración de investigadores e investigadoras en cosmoloxía. Así, participarán varios galardoados co “New Horizons in Physics Prize”, considerado un dos recoñecementos internacionais máis prestixiosos para persoal investigador novo, entre eles Wai Ling (Kimmy) Wu, Colin Hill, Mathew Madhavacheril, Oliver Philcox, Mikhail Ivanov e Rouven Essig, o que reforza o elevado nivel científico do encontro.
Programación por días
A programación abriu esta mañá cunha revisión sobre o fondo cósmico de microondas (CMB), seguida de intervencións centradas na estrutura a grande escala do universo (LSS), ), a física da formación de galaxias, as escalas pequenas, o CMB e as aplicacións da intelixencia artificial e da aprendizaxe automática á cosmoloxía. A xornada pecharase cunha sesión específica sobre a eclipse e unha intervención de José Edelstein.
O martes 11 de agosto, as sesións estarán centradas, entre outras cuestións, na época da reionización (EoR), o efecto de lente gravitacional do fondo cósmico de microondas, a estrutura a grande escala e as simulacións. Un dos momentos destacados da xornada será a mesa de debate dedicada á aplicación da intelixencia artificial na cosmoloxía.
Xa o mércores 12 de agosto, coincidindo co día da eclipse, non se programarán sesións científicas, dado que o protagonismo estará centrado na visualizazión deste fenómeno. A programación retomarase o xoves 13 de agosto abordando investigacións en escalas pequenas, a estrutura a grande escala, o universo primordial, o CMB e as galaxias. A xornada incluirá tamén unha mesa de debate sobre as chamadas tensións cósmicas que apuntan a un posible cambio de paradigma no modelo estándar da cosmoloxía, un dos asuntos de especial interese na cosmoloxía contemporánea.
O venres 14 de agosto, derradeira xornada do congreso, estará dedicada especialmente ás aplicacións da intelixencia artificial na análises cosmolóxicas, así como á enerxía escura, as tensións cosmolóxicas, as lentes gravitacionais débiles. O peche terá lugar cunha mesa de debate sobre o estudo das galaxias máis afastadas e o acto de clausura.
Outras citas importantes da semana
Paralelamente a este congreso, o CITIC da Universidade da Coruña acolle tamén durante toda a semana a Third Solar MHD Conference, un encontro centrado na física solar que abordará temas avanzados como as observacións de eclipses e coronais, o uso de machine learning e big data en física solar ou os modelos de plasma multifluido.
A celebración destes dous encontros na UDC reforza o papel da institución académica como espazo de referencia para a comunidade científica internacional e contribúe a situar a cidade da Coruña como escenario para o debate sobre algúns dos grandes interrogantes actuais relacionados coa orixe, evolución e estrutura do universo.