CCOO reúnese en Vigo contra a apertura do comercio en festivos e chama a secundar a folga do 15 de agosto

Comisións Obreiras (CCOO) protagonizou este martes unha concentración no centro de Vigo, entre El Corte Inglés de Gran Vía e o Centro Comercial Vialia, para esixir o dereito ao descanso do persoal do comercio e rexeitar a apertura do sector en domingos e festivos. A mobilización serve de antesala para a xornada de folga convocada para o vindeiro sábado, 15 de agosto.

Durante a protesta, a secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, cualificou de «especialmente inxustificada» a apertura do comercio nos meses de verán, un período no que as vendas adoitan diminuír. Pérez respondeu ás recentes declaracións do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, quen acusou a clase traballadora do aumento da conflitividade: «Se imperase o sentido común na clase empresarial, non teriamos que chegar a estes extremos», sinalou a dirixente, quen denunciou o bloqueo da patronal na repartición de beneficios.

A lider sindical vinculou tamén o discurso empresarial sobre o «absentismo» coa realidade das horas extraordinarias. Segundo o último informe do sindicato, en Galicia realízanse semanalmente case 347.000 horas extra, das cales o 40 % non se pagan, unha situación rozando a «explotación laboral» con especial incidencia no comercio e na hostalaría.

Pola súa banda, o secretario xeral da Federación de Servizos de CCOO, Iván Cordeiro, criticou á Xunta de Galicia por aprobar os calendarios de apertura sen contar coa representación sindical, cualificando o feito como «un ataque frontal ao descanso dominical e á conciliación». Cordeiro contrapuxo a presión da patronal por converter as compras nunha opción de lecer con modelos europeos como o alemán, onde o descanso dominical é un dereito recoñecido constitucionalmente

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios