A Inspección de Traballo sanciona a ISS por incumprir o seu Plan de Igualdade e bloquear a promoción das traballadoras da limpeza

Segundo informa Solidaridade Obreira, a Inspección de Traballo volveu poñer de manifesto a fenda estrutural de xénero que padece o sector da limpeza. Nunha nova resolución, o organismo laboral sancionou á empresa ISS Facility Services —actual adxudicataria do servizo de limpeza de Correos na provincia da Coruña— por incumprir as medidas de promoción profesional recollidas no seu propio Plan de Igualdade.

A resolución da Inspección é contundente: «Non se acredita que se teña establecido un procedemento de publicación de vacantes», nin tampouco a creación da bolsa de traballo para que o persoal manifeste o seu desexo de promocionar. En definitiva, a empresa vulnera a obriga de aplicar as medidas previamente negociadas e acordadas.

Esta investigación iniciouse tras detectar que unha vacante de responsable de equipo en Castro de Rei foi publicada directamente nun portal de emprego externo, sen ofertarse previamente ao persoal da plantilla. Malia o requirimento previo da Inspección, ISS ignorou as advertencias e mantivo o bloqueo á promoción interna.

Unha fenda estrutural: do ‘chan pegañento’ á invisibilización

Dende a organización sindical Solidariedade Obreira denúnciase que non se trata duns feituras puntuais, senón dune patronal que perpetúa a desigualdade:

  • Sectores feminizados, categorías baixas: O sector da limpeza sostense polo traballo das mulleres, pero a estrutura condénaas ás categorías máis baixas, ás xornadas parciais e á ausencia de ascenso. «Xubilámonos como peóns porque o sistema decidiu que o noso salario é un complemento e non un dereito», sinalan dende a central sindical.
  • División sexual do traballo: Mentres ás mulleres se lles asignan as tarefas máis duras e invisibles, os postos a xornada completa, as categorías superiores e os traballos especializados continúan ocupados maioritariamente por homes.
  • Falta de representación: Esta desigualdade faise extensible aos espazos de representación sindical, onde as mulleres son maioría nas plantillas pero continúan sendo minoría á hora de encabezar candidaturas.

Un patrón que se repite con cada adxudicataria

Solidariedade Obreira salienta que a opacidade en ISS Facility Services non é unha excepción, senón unha práctica habitual entre as sucesivas adxudicatarias do contrato:

  • Grupo Norte foi sancionada por carecer de Plan de Igualdade.
  • SCT ACVA tamén foi sancionada por incumprimentos nesta materia, malia ser un requisito obrigatorio para contratar co sector público.
  • Garbialdi sumou outra sanción por non aplicar o plan, deixando sen ofertar ata seis vacantes de encargada.
  • ISS Facility Services reproduce agora o mesmo esquema de bloqueo e falta de transparencia.

A postura de Solidariedade Obreira:

«Os Plans de Igualdade non poden ser un mero trámite para evitar sancións nin un documento decorativo; deben ser ferramentas reais para transformar o sector. Dende Solidariedade Obreira imos seguir denunciando cada incumprimento, cada vacante ocultada e cada obstáculo que impida ás traballadoras avanzar. A igualdade non se declara: cúmprese. E niso non imos recuar nin un só paso.»

Comparte éste artículo
No hay comentarios