O estancamento da transición enerxética e a redución das absorcións ameazan o obxectivo da Xunta para 2030.
Segundo o máis recente inventario do Ministerio para a Transición Ecolóxica, as emisións netas (1) galegas de gases de invernadoiro causantes de cambio climático ascenderon a 7.015.159 toneladas en 2024, o que supón unha redución do 9,8% con respecto ao ano anterior. Esta baixada foi debida á redución das emisións brutas nun 5,4%, pois as absorcións pola vexetación e os solos diminuíron o 1,9%.
O fin da produción eléctrica con carbón -despois do peche da central de carbón das Pontes en outubro de 2023-, e un ano moi bo para a produción hidroeléctrica impulsaron a diminución das emisións brutas en 2024. Contrariamente ao acontecido no sector eléctrico, as emisións medraron na maioría dos demais sectores, nomeadamente no transporte, grande consumidor de produtos petrolíferos. O transporte lidera as emisións ao ser responsábel do 30,3% das emisións brutas totais (2)
As absorcións de gases de invernadoiro, debidas case exclusivamente aos bosques e ás plantacións forestais, ascenderon a 9,6 millóns de toneladas en 2024, observándose unha tendencia ao seu descenso desde 2018. Cómpre salientar que a estimación das absorcións é máis incerta que a das emisións brutas, polo que pode variar significativamente de ano a ano. Así, entre a serie 1990-2023 do inventario estatal e a máis recente para 1990-2024 as absorcións calculadas para Galicia medraron un 10-20% segundo os anos.
Con respecto a 1990, principal ano de referencia para as políticas climáticas, as emisións netas diminuíron o 68,5%. As razóns foron a redución nun 42,7% das emisións brutas e o aumento das absorcións nun 48,1%. O descenso nas emisións brutas foi debido moi principalmente á substitución da electricidade xerada nas centrais de carbón, favorecida polo desenvolvemento renovábel e o mercado europeo de emisións. O incremento das absorcións concentrouse nas terras arborizadas, cuxa superficie medrou fortemente.
A diminución das emisións netas foi moi desigual por provincias. Os maiores recortes tiveron lugar na Coruña (-74%) e en Ourense (-141,6%), que atinxiu de forma estábel a neutralidade climática e entrou en emisións negativas a partir de 2006. As reducións foron inferiores á media galega en Lugo (-51,6%) e, sobre todo, en Pontevedra (-29,8%).
Absorcións non equivalen a emisións
Aumentos das absorcións e redución permanente das emisións non son equivalentes, dado o carácter incerto e reversíbel das primeiras fronte ás segundas. Así, mentres a redución das emisións en Galicia polo peche das centrais de carbón é estrutural e irreversíbel, ademais de ben coñecida, as absorcións por plantacións forestais de piñeiros ou eucaliptos son incertas e facilmente reversíbeis, por exemplo, por causa dos incendios agravados pola crise climática. As emisións dos incendios en Galicia durante 2025, estimadas por Copernicus, en 9,6 millóns de toneladas (3), equivalen a un ano de absorcións. Estas emisións, como o resto das bioxénicas de CO2, non se contabilizan nos inventarios oficiais.
A pesar do anterior, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a partir da publicación do inventario estatal de emisións de 2022, que incluíu por primeira vez datos sobre as absorcións desagregados por comunidades autónomas, só se refire ás emisións netas e nunca ás brutas. E a súa pouco definida política climática deixou de ter un obxectivo específico de redución para as emisións brutas. Tampouco existe unha meta propia para as absorcións.
O obxectivo da Lei do Clima de Galicia de reducir nun 75% as emisións netas de gases de invernadoiro en 2030 con respecto a 1990 semella hoxe en perigo polo estancamento do crecemento renovábel e da electrificación do consumo enerxético, a falta de acción climática no sector agrario e a tendencia á diminución das absorcións.