O sindicato reclama o dereito ao descanso e á conciliación no comercio galego, así como un convenio digno e melloras laborais no sector da alimentación da provincia da Coruña
A Federación de Servizos de CCOO fai un chamamento ás persoas traballadoras para secundaren «masivamente» a folga do comercio galego de mañá, sábado 15 de agosto, e a folga do sector da alimentación da provincia da Coruña, convocada para os días 15, 16 e 17 de agosto. Ante esta situación, CCOO reclámalle á parte empresarial que «abandone o bloqueo» e dea pasos para mellorar as condicións laborais nos dous sectores. Para avanzar nese sentido, o sindicato considera «fundamental» unha participación «masiva» nos paros convocados.
No comercio, a mobilización ten como obxectivo denunciar a crecente apertura de domingos e festivos e defender o dereito ao descanso e á conciliación. CCOO-Servizos coida «inaceptable» que as grandes empresas continúen apostando por un modelo baseado na dispoñibilidade permanente dos cadros de persoal, trasladando ás persoas traballadoras o custo dunha organización do traballo que prioriza o incremento dos beneficios empresariais.
Para CCOO, «non se pode normalizar» que a apertura comercial en domingos e festivos se traduza nunha maior dispoñibilidade das persoas traballadoras e nunha perda de tempo de descanso e de conciliación da vida laboral e persoal.
Alimentación da Coruña
No caso do comercio de alimentación da provincia da Coruña, os sindicatos CCOO, CIG, UGT e USO manteñen a convocatoria de folga dos días 15, 16 e 17 de agosto ante unha proposta patronal que consideran «claramente insuficiente e afastada das necesidades das persoas traballadoras».
A última oferta empresarial recolle unhas condicións salariais e laborais que, segundo CCOO-Servizos, non permiten avanzar cara a un convenio que garanta salarios dignos nin unha recuperación real do poder adquisitivo. O sindicato ve «inadmisible» que a patronal siga sen dar resposta ás reivindicacións do persoal nun sector que segue xerando importantes beneficios.