Olimpia López pon en valor o investimento do Goberno en Lugo ao financiar as actividades de conciliación de 38 concellos con máis de 1,4 M€

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, puxo en valor hoxe o Plan Corresponsables do Ministerio de Igualdade, que financia este ano con 1.411.449 euros as actividades de conciliación laboral e familiar en 38 concellos da provincia. Fíxoo durante unha visita ao campamento do Concello de Castroverde, enmarcado neste programa, xunto á concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, María Luisa Freire, e a concelleira de Cultura e Deporte, María Pilar Ferreiro.

No pavillón polideportivo A Ferreira, lugar onde se leva a cabo a actividade, a subdelegada explicou que o Concello de Castroverde resultou beneficiario este ano dunda axuda de 31.237 euros da liña para entidades locais do Plan Corresponsables, a cal permite impulsar o campamento de verán do que se están a beneficiar 80 familias.

«Grazas a este programa, as nais, os pais e os titores poden conciliar a súa vida laboral e familiar con tranquilidade durante o verán, sabendo que os seus fillos están ben coidados cun servizo público moi importante”, sostivo a subdelegada.

Olimpia López indicou que o Ministerio de Igualdade concedeu este ano á Comunidade Autónoma de Galicia preto de 7 millóns de euros no marco deste Plan para fomentar a conciliación e o coidado profesional.

«O Goberno de España ten como obxectivo consolidar os coidados como un dereito desde a óptica da igualdade entre homes e mulleres”, subliñou.

Nesta liña, a subdelegada detallou que o Plan Corresponsables se iniciou en 2021 e hoxe atópase consolidado como un eixo fundamental da igualdade en toda España. Así mesmo, concretou que este plan «facilita aos concellos facer actividades e campamentos sen necesidade de empregar fondos propios». Desde a súa creación, o Goberno destinou a Galicia máis de 54 millóns de euros para financiar programas e accións de corresponsabilidade.

Sobre o Plan Corresponsables

O Plan Corresponsables é unha política do Goberno orientada, entre outros fins, a favorecer a conciliación das familias con nenas, nenos e mozos de ata 16 anos desde un enfoque de igualdade entre mulleres e homes.

O programa é competencia da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, e desenvólvese en colaboración coas Comunidades Autónomas como responsables competenciais de varios dos seus obxectivos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios