Ollamos as imaxes de tensión humanitaria e presión migratoria no perímetro fronteirizos de Ceuta. Porén, tras a urxencia asistencial devala un complexo armazón xurídico que nin o centralismo madrileño nin a estratexia de presión de Rabat poden ignorar. O tratamento dos menores estranxeiros non acompañados (MENAS) e dos solicitantes de asilo non pertence ao ámbito da discrecionalidade política de ningún Goberno; constitúe unha obriga xurídica estrita blindada legalmente, tanto polo Dereito estatal e europeo como polas Convencións internacionais de dereitos humanos vixentes.
O piar fundamental que rexe a protección dos menores non acompañados é o principio do «interese superior do menor», consagrado na Convención sobre os Dereitos do Neno das Nacións Unidas e inserido deste xeito na Lei Orgánica de Protección Xurídica do Menor. Dende unha perspectiva estritamente xurídica, calquera menor que ingrese no territorio da Unión Europea deixa de se considerar administrativamente un mígrante para se converter nunha persoa baixo a titoría e custodia inmediata do Estado. A xurisprudencia do Tribunal Supremo ten afirmado a eito que as devolucións en quente ou colectivas de menores son radicalmente ilegais.
Para que sexa viábel a repatriación dun menor ao seu país de orixe, o artigo 35 da Lei de Estranxeiría esixe o cumprimento estrito de requisitos procesuais acumulativos: un expediente individualizado cun informe preceptivo pero non vinculante, da Fiscalía, a audiencia obrigatoria do propio menor onde exprese a súa situación, e a constatación de feito de que existe unha familia idónea ou un servizo de protección público no país receptor que garanta a súa integridade de xeito real. Sen estas garantías, que Marrocos rexeita sistematicamente artellar con transparencia, calquera devolución será unha flagrante violación do principio de non devolución (non-refoulement).
Por outra banda, se falamos dos mígrantes maiores de idade reclamantes de asilo, a Directiva Europea de Procedementos de Asilo blinda o dereito constitucional de calquera persoa estranxeira que alegue persecución a que o seu expediente sexa tramitado con garantías, suspendendo mentres calquera medida de expulsión.
Esta ríxida armadura xurídica bate de fronte, xa que logo, coas propostas de devolución de menores a Marrocos ou de expulsión de solicitantes de asilo que só poden ser comprendidas dende a mala fe e/ou a ignorancia de quen as emite.
Cómpre lembrar, como escribimos hai poucas semanas, a grave dificultade política e económica que hoxe define o status quo de Ceuta e Melilla no seo da Unión Europea. O vello modelo de cidades portuarias e comerciais integradas informalmente no norte de África morreu de xeito definitivo en 2021 co peche unilateral do comercio atípico decretado por Rabat. Hoxe, a viabilidade destas dúas «illas urbanas» é puramente artificial, sostida mediante millonarias transferencias do orzamento estatal e subvencións dos fondos de cohesión europeos para atenuar un colapso socioeconómico estrutural.
O mantemento desta situación converte as dúas cidades autónomas nunha vulnerabilidade xeopolítica crónica. Marrocos utiliza a miseria das súas propias rexións deprimidas limítrofes e a desesperación dos menores como un resorte de guerra híbrida para forzar cesións diplomáticas e a asfixia das dúas cidades. Velaí que a Unión Europea non poida seguir a considerar Ceuta e Melilla como problemas estritamente españois e o Estado español non poida confinar a solución ao mero incremento do gasto policial e de defensa. Ou a Unión Europea blinda xurídica e economicamente Ceuta e Melilla e integra estas nas súas prioridades políticas ou o status quo das dúas cidades non será sustentábel no vindeiro futuro.