A deputada do BNG no Parlamento galego Montse Valcárcel e a concelleira nacionalista en Castroverde Iria Castro participaron esta fin de semana na XXVIII Feira de Artesanía, unha cita consolidada que volveu converter o municipio nun escaparate da creatividade, dos saberes tradicionais e da capacidade do rural para xerar actividade económica arredor dos seus propios recursos.
A feira reuniu preto de 50 expositores chegados de diferentes puntos da comarca e de Galiza, cunha ampla mostra de traballos artesanais e demostracións en directo. A programación completouse con música tradicional e diferentes actividades que contribuíron a atraer visitantes e dinamizar Castroverde ao longo da xornada.
Desde o BNG puxeron en valor este tipo de iniciativas pola súa capacidade para unir tradición, cultura e economía local. Montse Valcárcel destacou que “Castroverde conta cun enorme potencial ligado ao territorio, á cultura e aos saberes que se foron transmitindo de xeración en xeración, e ese potencial precisa apoio para transformarse tamén en oportunidades de futuro”.
Neste sentido, a deputada nacionalista defendeu que a artesanía non pode ser entendida unicamente como unha forma de conservar o pasado, senón como un sector con capacidade para xerar emprego, favorecer o emprendemento e contribuír á fixación de poboación no rural.
“A artesanía mantén vivo o noso patrimonio, pero tamén xera actividade económica e oportunidades para construír futuro no rural. Por iso, os oficios tradicionais deben contar con políticas públicas de impulso e apoio que permitan ás persoas artesás desenvolver o seu traballo e vivir del”, afirmou Valcárcel.
A representante do BNG incidiu especialmente na importancia de garantir o relevo xeracional, facilitando que a xente nova poida aprender estes oficios e atopar neles unha saída profesional. Para iso, considerou necesario reforzar os programas de formación, as axudas á actividade artesanal e as iniciativas de promoción e comercialización dos produtos.
“Se queremos evitar que estes coñecementos desaparezan, non chega con recoñecer o seu valor. Hai que crear as condicións para que haxa persoas que queiran recoller esa experiencia, profesionalizarse e darlle continuidade”, sinalou.
O BNG destacou ademais a importancia da Feira de Artesanía para a dinamización de Castroverde, tanto pola afluencia de visitantes como pola oportunidade que supón para dar a coñecer os produtos locais e proxectar a imaxe do municipio.
Valcárcel agradeceu finalmente o traballo das persoas artesás participantes, “que son as verdadeiras protagonistas desta feira e as que demostran que tradición e innovación poden camiñar da man”. “Castroverde ten recursos, talento e identidade propia. O que precisamos son políticas que acompañen todo ese potencial e permitan convertelo en máis actividade económica e máis oportunidades para vivir e traballar no rural”, concluíu.