O presidente provincial, Luis Menor, visitou a nova pista polideportiva, integrada na zona de equipamentos recreativos e educativos de Luíntra, que servirá para a práctica de diversas disciplinas, ademais de acoller programas de ximnasia de mantemento e actividades ao aire libre para os maiores, mellorando a súa saúde e evitando a soidade non desexada.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe o concello de Nogueira de Ramuín para coñecer as iniciativas que está poñendo en marcha o goberno local en colaboración coa institución provincial. Acompañado polo alcalde, Julio Temes, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Raúl Soto, o presidente provincial visitou a nova pista polideportiva, integrada na zona de equipamentos recreativos e educativos de Luíntra.
Cun investimento de 50.000 euros por parte da Deputación, o recinto está acondicionado para a práctica de diversas disciplinas deportivas, como fútbol sala, baloncesto, balonmán ou voleibol. Tamén acollerá programas de ximnasia de mantemento e actividades ao aire libre para os maiores, mellorando a súa saúde e evitando a soidade non desexada.
Luis Menor definiu esta instalación como “un paradigma da madurez dos concellos e do territorio” e destacou especialmente “a planificación, a execución, a intención e a ubicación” do proxecto, concibido para integrarse plenamente no seu contorno. O presidente provincial subliñou que a pista complementa outros equipamentos próximos, conformando “unha oferta de servizos fantástica para os veciños e para os moitos visitantes que ten a Ribeira Sacra”.
Na mesma visita, os representantes municipais amosaron ao presidente a zona na que se construirá o futuro Centro Interxeracional de Nogueira de Ramuín, tamén na área dotacional onde está a pista polideportiva. Un espazo suplirá a falta dun local onde a mocidade e os maiores podan realizar as súas actividades ou pequenos eventos.
Luis Menor coñeceu tamén o lugar onde está prevista a construción de 17 vivendas —nove de protección oficial e outras nove libres— co obxectivo de dar resposta á demanda residencial existente no concello. Trátase dun proxecto no que, ademais do Concello e da Xunta de Galicia, participa a Fundación Ferama.
Menor enmarcou esta actuación na aposta municipalista da Deputación, que incrementou de maneira notable os recursos destinados aos concellos. Así, tanto a través do plan CooperOU como de outras achegas, Nogueira de Ramuín terá recibido preto de 1,4 millóns de euros no período 2023-2027.
Pola súa banda, o alcalde de Nogueira de Ramuín, Julio Temes, agradeceu a presenza de Luis Menor e o respaldo da institución provincial, salientando que a nova cancha puido facerse realidade “grazas á Deputación”, agradecemento que tamén reiterou o concelleiro de Deportes e responsable do proxecto, Raúl Soto.