Os socialistas denuncian que o executivo de Calvelo ignora o descanso veciñal e incumpre o seu compromiso de ter lista a normativa en novembro de 2025.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo volveu esixir explicacións ao goberno local do Partido Popular pola paralización indefinida da nova ordenanza reguladora do ruído. A formación liderada por Martín Seco acusa ao alcalde, Carlos Calvelo, e ao seu concelleiro de Urbanismo de «gardar nun caixón» a normativa e deixar desprotexida á veciñanza que padece contaminación acústica e problemas de descanso no seu día a día.
Os socialistas consideran «unha falla de respecto ás institucións e aos veciños» que o Concello ignore as recomendacións da Valedora do Pobo e incumpra a súa propia palabra tras comprometerse públicamente a ter listo o texto hai xa nove meses.
Dous anos do expediente da Valedora do Pobo
A orixe desta reclamación remóntase a hai dous anos, cando o PSOE levou ao Pleno o expediente aberto pola Valedora do Pobo por mor das queixas presentadas por varios veciños ante o ruído constante dunha academia de baile situada no baixo do seu edificio residencial. A partir dese momento, o grupo socialista fixo súas tamén as esixencias da institución autonómica e reclamou a aprobación dunha ordenanza específica que fixase límites de decibelios, horarios de actividade e dotase á Policía Local de sonómetros para realizar medicións oficiais.
Malia que o Concello de Arteixo iniciou o trámite e abriu o período de consulta pública previa á cidadanía, o proceso quedou conxelado sen explicacións. O propio concelleiro de Urbanismo comprometeuse en sesión plenaria a levar a aprobación inicial da ordenanza como moi tarde ao pleno de novembro de 2025, un prazo que expirou hai nove meses sen que o PP movese un só papel.
Para o PSOE, este atraso súmase ao «bloqueo sistemático» doutras normativas pendentes no municipio, como a ordenanza de terrazas. Dende o grupo municipal critican que o Goberno do PP prefira paralizar a regulación da convivencia antes que asumir as súas responsabilidades de xestión.
«É intolerable que os veciños de Arteixo teñan que soportar ruídos e desacougo nas súas propias vivendas porque o PP prefire meter a ordenanza nun caixón antes que xestionar. A Valedora do Pobo deulle unha chamada de atención ao Concello, o concelleiro de Urbanismo prometeu no Pleno que a normativa estaría aprobada en novembro de 2025 e hoxe, nove meses despois, seguimos exactamente igual. Esiximos que o alcalde deixe de dar a espalda á cidadanía e garanta por lei o dereito ao descanso», declarou o voceiro socialista, Martín Seco.
Diante da inacción do Partido Popular, a quen parece que non lle preocupa a falta de regulación do ruído e os problemas que xera na saúde e no descanso da veciñanza de Arteixo, o PSOE esixe coñecer cando vai cumprir o Concello o prometido polo concelleiro de Urbanismo e traer ao Pleno para a súa aprobación inicial a ordenanza de ruídos.