Arroxo: «O Concello nomea ao persoal das brigadas o 19 de agosto cando o convenio coa Xunta se asinou o 22 de abril»

O BNG de Lugo afirma que a brigada de loita contra os incendios forestais comezará a traballar «catro meses tarde» despois de que na xornada de hoxe se asinase por fin o nomeamento do persoal. O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, afirmou que o PP amosou «unha enorme falta de planificación» na loita contra os incendios e sinalou que, «noutros anos, estando a mediados de agosto, a brigada municipal contra os incendios forestais estaría a pleno rendemento; porén, no verán máis seco dos últimos anos, vemos como o Partido Popular chega catro meses tarde e esta brigada aínda comezará a traballar agora».

Arroxo lembrou que o convenio entre a Xunta e o Concello, cunha aportación de máis de 100.000 € por parte do goberno galego, se asinou o pasado 22 de abril. Debido á moción de censura do 7 de maio, o procedemento paralizouse e non se completou ata hoxe. O BNG leva desde o inicio da tempada estival atendendo ás numerosas peticións veciñais, que amosaron unha grande preocupación por non ver esta brigada en funcionamento como en anos anteriores.

O Concello de Lugo recibe neste ano 2026 un total de 101.250 € da Xunta de Galicia para a contratación do persoal dunha brigada de defensa contra os incendios forestais, que se dedica cada verán ao acondicionamento de diferentes terreos nas 54 parroquias de Lugo. Arroxo afirmou que «os primeiros meses do PP no goberno están a empeorar o Concello; a principal liña política de Candia é improvisar, o que fai que a veciñanza perda servizos moi importantes», e destacou que «a loita contra os incendios forestais é unha cuestión que require de planificación e boa execución».

Comparte éste artículo
No hay comentarios