Néstor Rego rexistra unha iniciativa no Congreso reclamando ao Goberno que verifique as informacións que vinculan a compañía romanesa con Israel e voos de deportación de Palestinos e, se se confirmaren, que denegue a solicitude.
O BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso instando o Goberno e AENA a revisar a solicitude de slots de Fly2Galicia no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela e a denegala se se confirmaren as informacións que vinculan a empresa romanesa FlyYo -que operaría os voos- coa limpeza étnica en Gaza.
O BNG sinala que recentemente a empresa Aviation Mobility Services Group, que traballa coa marca comercial Fly2Galicia, anunciou que comezaba a operar no aeroporto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela con oito conexións de voos charter e que, de facto, xa comezou a vender billetes.
No entanto esta empresa de recente creación é só un turoperador que contrataría os voos coa empresa romanesa FlyYo. Diversas informacións xornalísticas vinculan FlyYo con Israel e, particularmente, con voos de deportación ilegal de poboación palestina da Faixa de Gaza a terceiros estados.
Para o deputado do BNG, Néstor Rego, se estas informacións se confirmaren trataríase “dunha actuación moi grave de vulneración dos dereitos humanos e do dereito internacional, pois estamos a falar de colaborar nos intentos de limpeza étnica que está a realizar a entidade sionista no marco do xenocidio que veu perpetrando en Gaza nos últimos anos”.
Rego sinala que “o Estado español ou calquera dos entes públicos que o integran non pode envolverse de ningunha maneira con empresas e actuacións contrarias ao dereito internacional e que vulneran os máis elementais dereitos humanos”.
Para o BNG, esta é razón máis que suficiente para que AENA revise a solicitude de slots desta compañía para operar desde Compostela e a denegue se se confirmar o envolvemento de FlyYo coas accións ilegais e criminais da entidade sionista contra o pobo palestino.