O Concello de Verea e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova inauguran este sábado, 29 de agosto, ás 12.30 horas, o Memorial da Poza das Ras, unha obra do escultor Xoán Torres Cidre (Ourense, 1964) erixida no mesmo lugar onde, hai xa 90 anos, foron asasinados catro veciños da provincia por elementos sublevados contra a República.
Os actos comezarán ás 11.00 horas na Casa da Cultura de Verea, cunha visita guiada á exposición «Presas e Mestras». Ás 12.30 terá lugar na Poza das Ras a inauguración tras a benvida do alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, o saúdo do presidente do Comité, Hixinio Araúxo, e as intervencións das familias das vítimas. Baldo Ramos compuxo un poema para a ocasión que será lido durante o acto.
Os homenaxeados
O memorial lembra a Amadeo López Bello, mestre en Beiro (Carballeda de Avia) e militante do Partido Republicano Radical Socialista; a Julio González Álvarez, mestre en Gontán (Verea), veciño da parroquia e membro da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense; a Eloy Romero Luis, farmacéutico en Leiro e presidente do Colexio de Farmacéuticos de Ourense; e a Silvio Torres Díaz, veciño do Couto (Ourense) e chofer de profesión. Os catro foron detidos e trasladados ao cárcere de Celanova nas semanas previas, e o 29 de agosto de 1936 foron sacados e tiroteados na Poza das Ras, á beira do río Ourille, onde os seus corpos quedaron expostos durante unhas horas.
O Comité organizador confirmou que as familias de Eloy, Julio e Silvio participarán no acto, achegando o seu testemuño persoal na homenaxe.
Solicitude de Lugar de Memoria
O Concello de Verea, por iniciativa do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, ten solicitado ao Estado a declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria, ao abeiro da Lei 20/2022, de Memoria Democrática. Trátase da primeira solicitude presentada nestes termos na provincia de Ourense desde a entrada en vigor da norma, o que suporía a inclusión do espazo no inventario estatal de lugares de memoria, cunha función conmemorativa e didáctica de cara ao futuro.