O CPEIG incide na volta ao cole na necesidade de que o sistema educativo ensine ao alumnado a utilizar a tecnoloxía “con criterio, autonomía e pensamento crítico”

Kids using phones outdoors, concept of children addiction to social network

Fernando Suárez, presidente: “A informática debe ser unha disciplina central no programa escolar para axudar a comprender o mundo que habitamos.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) pon de manifesto, na volta ao cole, a necesidade de enfrontar con claridade o debate da tecnoloxía nas aulas. O seu presidente, Fernando Suárez, sinala que é un erro presentar unha posible elección de tecnoloxía, é dicir, “si ou non nas aulas”, xa que os máis novos xa a utilizan, vivindo rodeados de algoritmos, pantallas, redes sociais e intelixencia artificial. “Negar a tecnoloxía nas aulas non cambia esa realidade. Só significa pechar os ollos ante ela e renunciar a que a escola desempeñe o seu papel máis importante, axudar a comprender o mundo no que vivimos”, explica Suárez.

O CPEIG destaca que non se debe deixar sós aos menores fronte as ferramentas da IA, nin tampouco encher as aulas de pantallas nin substituír ao profesor por unha aplicación e indica que o máis relevante é que o sistema educativo ensine ao alumnado a utilizar a tecnoloxía “con criterio, autonomía e pensamento crítico”. 

Segundo o Colexio, a resposta ten que ser educativa, non só organizando unha charla puntual sobre os riscos de internet, nin limitando a competencia dixital a ensinar ferramentas ofimáticas, senón que “a informática debe ser unha disciplina central no programa escolar para axudar a comprender o mundo que habitamos”. En definitiva, o CPEIG considera que a informática necesita ser introducida de forma obrigatoria e progresiva no currículo como unha competencia básica para toda a cidadanía. “Igual que aprendemos a ler, escribir, interpretar un gráfico ou entender unhas nocións elementais de ciencia, debemos aprender que é un algoritmo, como se adestran os sistemas de intelixencia artificial, que sesgos poden incorporar, que datos utilizan, como protexer a nosa privacidade e por que non convén delegar o noso xuízo nunha resposta automática”, explica.

Para o presidente do CPEIG o fundamental é ensinar na escola pensamento computacional, programación, robótica, ciberseguridade, intelixencia artificial, análise crítico da información e uso responsable dos datos, ademais de ensinar a formular boas preguntas, detectar erros, contrastar fontes, recoñecer a manipulación e a saber cando unha conversación require unha persoa e non unha máquina. Para alcanzar este obxectivo na educación, o CPEIG indica que é fundamental formar e acompañar ao profesorado. 

“Negar a tecnoloxía nas aulas non protexe aos nosos fillos, senón que os deixa sós ante ela. A clave é evitar que crezan como usuarios pasivos de tecnoloxías que non comprenden. Un país que non ensina informática de verdade nas súas aulas renuncia a formar cidadáns capaces de participar con criterio na sociedade dixital, ademais de renunciar a boa parte da súa capacidade futura de innovar, emprender, investigar e decidir sobre a súa propia soberanía tecnolóxica. Xogámonos moito máis que a competitividade das nosas empresas ou a capacidade de desenvolver tecnoloxía propia. En xogo está o presente dunha xeración que xa convive con sistemas capaces de influír nas súas decisións, relacións e na súa percepción do mundo”, argumenta o presidente. 

O papel de asistente conversacional da IA: “ Non é un amigo, nin un orientador, nin un psicólogo, xa que se pode equivocar, simplificar un problema complexo ou responder de forma excesivamente complaciente”

A intelixencia artificial está estendéndose a gran velocidade a través tan só dunha conexión a internet, chegando a todos os recunchos do país, desde unha gran cidade a unha remota aldea nunha zona rural o que, segundo o CPEIG, pode ser unha gran oportunidade de democratización, aínda que tamén pode axudar a multiplicar as desigualdades, sempre dependendo da formación tecnolóxica de cada usuario.

Tamén o CPEIG destaca que a IA xa non é só unha ferramenta para facer deberes, resumir un texto ou xerar unha imaxe. Moitos adolescentes recorren a estas ferramentas para consultas persoais, para atopar respostas ou mesmo para cubrir espazos de conversación e acompañamento que antes ocupaban os país e nais, as familias, os amigos ou os docentes. Por iso o debate público segue aberto e moi centrado en se se deben prohibir ou non as redes sociais a determinadas idades, cando dar o primeiro móbil aos menores ou como limitar o acceso a determinadas aplicacións. Pero a irrupción da IA está cambiando o escenario, e Fernando Suárez destaca que actualmente a prohibición xa non é a fórmula, e a clave está na formación.

Segundo un estudo recente do Pew Research Center, realizado entre adolescentes de 13 a 17 anos en Estados Unidos, o 57 % afirma ter utilizado chatbots para buscar información e o 54 % para recibir axuda con tarefas escolares. Pero hai datos que deberían facer reflexionar aínda máis, como o 16 % que os usa para manter conversacións informais e un 12 % para obter apoio emocional ou consello. “Para unha xeración que creceu falando por mensaxería, compartindo a súa vida en redes e buscando respostas inmediatas en internet, dirixirse a un asistente conversacional pode parecer tan natural como escribir a un amigo, preguntar aos seus pais ou consultar un buscador”, afirma Suárez.

As redes sociais xa demostraron a súa capacidade para amplificar a desinformación, a comparación constante, a presión estética, o acoso, a exposición a fraudes ou a dependencia emocional dunha pantalla. Así, o Colexio apunta que a IA pode agravar algúns destes problemas porque engade unha nova capa: unha conversación personalizada, dispoñible de forma permanente e aparentemente empática. 

Este é o punto máis preocupante. O CPEIG explica que a IA pode aportar información, axudar a ordenar ideas ou suxerir alternativas, “pero non é un amigo, nin un orientador, nin un psicólogo, xa que se pode equivocar, simplificar un problema complexo ou responder de forma excesivamente complaciente”. Ademais, Fernando Suárez engade que non fai falta ter móbil para acceder a IA, xa que un adolescente pode utilizala desde un ordenador do instituto, unha tableta, unha consola, o teléfono dun amigo ou calquera dispositivo conectado a internet, ben desde a casa, na aula, durante a noite ou en calquera lugar do mundo. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios