A Deputación de Lugo inicia en Ourol as obras de mellora da vía que une as parroquias de Bravos e San Pantaleón

A institución provincial vén de iniciar esta semana os traballos de repavimentación nun tramo da LU-P-3807. O proxecto inclúe a limpeza de cunetas, a reparación de danos e a mellora do firme cun investimento de case 110.000€.

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta mesma semana no concello de Ourol o acondicionamento dun treito da LU-P-3807, a vía que une a parroquia de Bravos coa de San Pantaleón pasando por Foxo. 

O proxecto inclúe a reapertura de cunetas, a reparación de danos e repavimentación dun tramo de algo máis de 3 quilómetros, concretamente o que vai do punto quilométrico 6,510 ao 9,543. 

CARFERLO S.L.U. é a empresa encargada de executar estes traballos para os que a institución provincial destina case 110.000€. Trátase dunha actuación moi relevante para este municipio, porque mellorará as condicións de seguridade e circulación nunha vía moi empregada polos veciños e veciñas de Ourol. 

Estes traballos forman parte do compromiso da Deputación de Lugo coa mellora e conservación da rede viaria provincial. Só no que vai de ano a institución provincial leva executados no arranxo de vías máis de 7 millóns de euros do orzamento total, que ascende ata os 12 millóns de euros. A esta contía súmanse preto de 1,5 millóns para renovar o Parque Móbil e 2,4 millóns para o servizo de desbroces.

Comparte éste artículo
No hay comentarios