Rubén Arroxo, portavoz do BNG en Lugo, destacou que a adquisición municipal da vivenda situada no inicio da rúa Montero Ríos, prevista para aprobarse na xunta de goberno do vindeiro luns, pecha un proceso iniciado polo BNG no goberno municipal e que agora permitirá eliminar definitivamente o “tapón urbanístico” que afectaba á imaxe do Camiño Primitivo á súa chegada ao casco histórico. Arroxo lembrou que a eliminación deste tapón urbanístico é «unha reclamación histórica na que desde o BNG estivemos traballando moitos anos», e lembrou que no 2018 o BNG xa rexistrou iniciativas no Concello para este fin.
Rubén Arroxo destacou que a incorporación desta parcela, xunto coa renovación integral do Carril das Flores, tanto da rúa como da pasarela, supoñen non só unha gran mellora da imaxe da cidade, senón un avance na mobilidade da cidade «ao eliminar estruturas como a antiga pasarela e garantir un trazado amable en todo o percorrido do Carril das Flores», dixo Arroxo.
Arroxo lembrou que as obras impulsadas polo BNG —tanto a reforma integral do Carril das Flores como a nova pasarela na Rolda da República Arxentina— están a permitir completar “o gran eixo peonil leste–oeste da cidade”, unha conexión estratéxica que une a entrada á cidade a través do Camiño Primitivo co río a través da Mosqueira, o casco histórico, o barrio de Recatelo, o Parque de Rosalía e a futura pasarela de República Arxentina.
Durante os últimos 7 anos, o Goberno de Lugo fixo un importante investimento en renovar o percorrido do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo. Realizáronse intervencións en todo o percorrido, aumentando a seguridade peonil, como se fixo na zona de Castelo e na Chanca, ou mellorando a estética do percorrido como se está a executar no Carril das Flores. Así o percorrido do Camiño de Santiago, ao seu paso por Lugo, quedaría dignificado e as persoas viaxeiras sumarían a férmosura do propio camiño ás vistas da Muralla e á integración de 3 Patrimonios de Humanidade no percorrido.