O acordo foi rubricado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a presidenta de FADEMUR Galicia, Verónica Marcos.
A Deputación da Coruña investirá 136.000 euros na posta en marcha do proxecto “Por un Rural Vivo e Xoven”, unha iniciativa dirixida a revitalizar a economía nos municipios rurais da provincia. Esta achega financeira representa o 80% do investimento total previsto para a actuación, que ascende a 170.000 euros, mentres que a xestión directa do programa correrá a cargo da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR Galicia) no marco da anualidade 2026 do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación e o programa Provincia Emprendedora. O acordo foi rubricado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a presidenta de FADEMUR, Verónica Marcos.
O financiamento provincial orientará a maior parte dos seus recursos directos á contratación do equipo técnico, de asesoría e mentores especializados, partida que conta cunha asignación de 80.000 euros. Así mesmo, os fondos da Deputación permitirán cubrir a organización de obradoiros, cursos e xornadas formativas; a difusión e desenvolvemento de campañas de comunicación e a elaboración de material didáctico.
A través deste apoio económico, o proxecto despregarase no territorio provincial ata o 30 de xuño de 2027 co obxectivo de acadar a participación directa de polo menos 120 persoas, garantindo que como mínimo un 70% sexan mulleres e prestando unha especial atención á poboación moza. A intervención busca acompañar de xeito individualizado un mínimo de 60 persoas no desenvolvemento dos seus proxectos de negocio para acadar a xeración de polo menos 25 iniciativas emprendedoras, consolidando a implantación efectiva de non menos de 10 novos proxectos no medio rural, ademais de crear unha rede de colaboración profesional con máis de 50 usuarios rexistrados.
Dous eixes de actuación
Para acadar estes resultados, o programa articúlase en dous eixes operativos principais: CREA e DIVULGA. O eixe CREA centrase no asesoramento técnico individualizado, no deseño duns itinerarios personalizados de emprendemento, na realización de obradoiros de ideación de proxectos e nunha rede de mentorización especializada no sector agrario e rural. Pola súa banda, o eixe DIVULGA inclúe accións formativas en materia de dixitalización e xestión empresarial, a difusión de referentes femininos no rural e a realización de xornadas de sensibilización para mellorar a percepción social das oportunidades que ofrece o contorno non urbano.