O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na XXXV Festa da Vendima de Leiro, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, acompañado polo alcalde do municipio, Francisco José Fernández, e por representantes institucionais e do sector vitivinícola.
Luis Menor asistiu ao pregón pronunciado pola actriz e directora Mabel Lozano e ao tradicional desfile de carrozas, que nesta edición contou con oito propostas debido a que os traballos da vendima xa están en marcha. Tamén visitou a mostra de viños, o mercado artesanal e a exposición de acios.
O presidente provincial definiu esta celebración como “unha homenaxe ao esforzo dos viticultores e a todas as persoas que manteñen vivo o Ribeiro”, destacando que detrás de cada colleita “hai traballo, tradición e un firme compromiso co territorio”.
Luis Menor reafirmou o apoio da Deputación ao sector vitivinícola e ás celebracións que contribúen a promocionar os produtos propios, dinamizar o rural e proxectar a provincia: “O Ribeiro é unha das grandes cartas de presentación de Ourense pola calidade dos seus viños e pola autenticidade das súas xentes”.