Logo dun primeiro tempo ilusionante, no que anotou por medio de Arroyo, o Racing volveu a provocar outra frustración aos seus seareiros por un infeliz final, propio de “equipiño”, cando se meteu na cova para defender os ataques desesperados do Arenas. O resultado ao afundimento de liñas foi o empate, xa que Arratibel acabou marcando para os vascos.
Arroyo completa o detalle de Ojeda
O Racing comezou ben o partido. O seu fútbol de posesión deixáballe marcar as pautas do que quería que fora o choque. Malia todo, a primeira ocasión foi local. Aos oito minutos, Lucas salvou un xute de Rubi, que mostrou as súas habelencias para entrar na área desde a banda dereita.
O Racing non demorou moito en poñer en evidencia a mala ocupación de espazos do Arenas. Álvaro Ramón sumouse ao ataque e cunha acción individual entrou na área para gañar a liña de fondo. Desde alí, mandou un centro ao segundo pau ao que Mojonell non puido darlle un mellor final coa testa.
Eses espazos que atopara Álvaro Ramón tamén os ollou Ojeda. O ex do Huesca fixo o percorrido desde a divisoria até á área e Iker García, ao rouballe o coiro cun mal toque, mandouno á posición de Arroyo, que non dubidou en darlle sentido á súa beneficiosa situación para superar por abaixo a Obón.
A vantaxe mudou ao Racing, a quen non lle apuraba tanto o contacto co coiro. Pregou uns metros as liñas e procurou vivir de erros do Arenas para montar contras que foron escasas e sen contundencia. O primeiro tempo engadiu un xute ao traveseiro de Ojeda.
Outra campaña con malos centrais?
O Racing puido sentenciar no segundo acto. Arroyo ollou a carreira de Ojeda pola esquerda e mudou a orientación da chegada. O canario, tras controlar, xutou excesivamente cruzado.
A primeira substitución de Javi Vázquez motivouse por unha dura entrada a Azael. Esquerdo ocupou o lugar do ex da Sarriana. Despois, na área galega, un Lucas ben colocado no centro desviou un disparo de Iker García desde fóra da área.
O Racing non era dono do partido, pero tampouco xogaba reducido na súa parcela. Mediado o período, Arroyo ollou o desmarque de Alcaina polo centro, o ex do Penafiel non fixo bo control, pero o coiro prolongouse até Ojeda, que antes de executar a Obón no man a man foi presionado por Larrauri para que non xutara con facilidade ao interior da portería. Ojeda errou e ficou lixeiramente doente.
Nos últimos minutos, logo que Javi Vázquez reforzara o sistema defensivo para conservar os tres puntos, o Arenas acosou a área racinguista con varios centros. Primeiro, nun saque de falta lateral que Lekuna recibiu moi perto, facilitoulle ao navarro colocara un centro ao segundo pau que Ekaiz rematou un pouco alto.
Os locais cociñaban o gol ante un Racing cada vez máis inseguro e o empate chegou no treito final do xogo. O local Buján puxo sen oposición o centro á área e Arratibel, entrando entre os centrais verdes con excesiva simpleza e facilidade, rematou de cabeza ao fondo das mallas.
O Racing, que xogou aceptablemente dous terzos do partido, volveu a deixar un mal gusto aos seus seareiros logo de sentirse fraxilizado coas substitucións, que non melloraron coa súa frescura o traballo dos titulares retirados. O equipo rematou cunha imaxe vulgar ao ser dominado dunha forma primitiva polo rival, a base de centros á área permitidos polo agrupamento do equipo, que se ocupou máis de encher a área que evitar os balóns ao seu interior.
O empate, malia ser no comezo da campaña e lonxe da Malata, volve a provocar outra decepción entre o racinguismo, que xa acariñaba os tres puntos e unha portería a cero. Ao final, mantéñense dinámicas que o equipo, con diferentes vestimentas, vén padecendo desde 2024. Un erro estrutural defensivo, permitindo os centros, e outro máis grave, de orientación posicional dos centrais, fai que o vivido recentemente faga saltar os resortes mentais da xente e aparezan ben axiña as dúbidas sobre se o novo eixo da zaga será outro desacerto da dirección deportiva.
Ficha
SÁBADO 29/08/2026 (18,30) Campo: FADURA (1.000)
ARENAS C. : 1 – RACING C. FERROL : 1 (0‑1)
ARE : Obón; Larrauri (Suso 77’), Arratibel, Zubelzu (Buján 70’), Lekuna; Álex Oyón (Dufur 70’), Iker García, Akogo, Rubi, Telletxea (Palacín 77’); Ekaitz (Arnedo 89’). Tre. Jon Erice. (Banco: Oleaga (g); Benítez (g); Zabaleta; Badiola; Pedroarena).
RAC : Lucas; Leal, Monjonell, Germán, Álvaro Ramón; Azael (Esquerdo 58’), Fabio (David Castro 76’), Bernal; Buján (Alcaina 64’), Ojeda (Saúl 76’); Arroyo (Sekou 76’). Tre. Javi Vázquez. (Banco: César (g); Edgar; Tenreiro; Álex González; Rubo).
Goles: 0-1 Arroyo 21’; 1-1 Arratibel 88’.
Árbitro: Holgueras Castellanos (Castela e León). Auxiliares: Cubas Sánchez e Villacampa Coiduras. 4º árb.:Rui Gómez .
Disciplina: CA: Rubi 78’