Flotiña Deluxe. Por @DulceCorcu

Amence a fin de semana cunha flotiña patriótica desposta a rescatar Ceuta das hordas invasoras que hai unhas semanas desembarcaron na Cidade Autónoma desde Marrocos non con afán de molestar aos alí residentes, senón de sobrevivir e aspirar a unha vida da que carecen no seu país de orixe. Como xa sabemos que a burocracia é de todo menos rápida, no tocante aos menores, que non poden ser devoltos como mercaduría, os trámites levan o seu tempo e permanecen á espera onde poden, en situacións moi precarias e probablemente tamén moi desesperados.

Pero un patriota español de verdade non repara nesas sensiblerías. Ceuta é española e hai que defendela de estranxeiros. De estranxeiros pobres, enténdase. Que o rico non molesta a ninguén nin importa de onde veña, nin moito menos a súa cor de pel. Despois de queimarlles as teas coas que malamente fabricaron diminutos habitáculos nos que guarecerse polas noites na praia e impedir á Cruz Vermella que se achegase a proporcionarlles alimento, chegaba unha flotiña de iates e barcos de recreo con Marcos de Quinto á cabeza, aquel ex de Ciudadanos que non tiña a sobriedade entre as súas características persoais. Bandeiras de España ao vento e proclamas desas que non alimentan pero reconfortan ao populacho, que soñan sentirse igual de superiores ao resto que o que atraca no seu porto para «cazar» inmigrantes, como convidaba algún político sen o menor sentido figurado. Curiosamente, os únicos detidos nesta exaltación de supremacismo foron uns marroquíes que tímidamente enarbolaron a bandeira do seu país. Tamaña ofensa. Veña, ao cuarteliño que aquí de roxigualda ou nada. É tan ferozmente triste todo que parece incríble que despois esa xente se diga cristiana, cando non teñen a menor piedade polos seus semellantes, que é unha das máximas que pregoa a relixión católica. Tamén é moi difícil, cada vez máis, sentirse representada por esa bandeira española que só parece server para acubillar indecentes, fascistas e raleas varias. Pero tampouco hai moita opción de escolla…A menos que che gusten as malleiras a porrazos e os golpes de cóbado cando estás no chan. É a España que vén. Acostúmate ou emigra.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios