O Concello de Lugo celebra mañá o Día de Defuntos en San Froilán cunha misa e unha ofrenda a Armando Durán

O Concello de Lugo conmemora mañá, luns, os actos institucionais do Día de Defuntos no Cemiterio Municipal de San Froilán cunha xornada que mestura a tradición local, a memoria histórica e o diálogo intercultural. O momento central terá como protagonista a familia do científico lucense Armando Durán Miranda, cuxo recordo marcará a ofrenda floral deste ano ao se cumpren 25 anos do seu falecemento.

Unha homenaxe arraigada no patrimonio e na ciencia lucense

A programación comezará ás 12:30 horas coa tradicional misa presidida polo bispo. Xa ás 13:30 horas, celebrarase a ofrenda floral oficial ante o singular mausoleo familiar —unha obra de estilo neogótico do século XIX rescatada do antigo cemiterio de Magoi e premiada en 2015 como mellor monumento arquitectónico funerario de España—. A cerimonia contará co acompañamento musical dunha formación de cámara de vento-metal da Banda Municipal de Música de Lugo.

A presenza dos fillos de Armando Durán (1913-2001) subliña o fonda vinculación que este catedrático de Óptica da Universidade Complutense e membro da Real Academia de Ciencias mantivo sempre coa súa cidade natal, á que donou altruistamente o panteón familiar no ano 2012.

O «Altar das Lembranzas» despídese de San Froilán rumbo ao Vello Cárcere

A xornada institucional tamén servirá para clausurar a instalación «O Altar das Lembranzas. Camiño ao Mictlán», impulsada polo proxecto AMMIGOBS. A alcaldesa, Elena Candia, e a concelleira Mar Carballas acompañarán o peche desta pioneira proposta que fusionou a estética do Día de Muertos mexicano coa tradición e as linguas de Galicia.

Tras o seu paso polo camposanto, a obra —deseñada pola artista Soila Jankowska e comisariada por Daniel Manuel Vázquez Vila tras cinco meses de artesanía en cartonería— trasladarase ao Vello Cárcere, onde se poderá visitar do 4 ao 15 de novembro.

Ademais, a programación inclúe dous obradoiros gratuítos impartidos por Jankowska no Vello Cárcere (con 15 prazas cada un e reserva previa por WhatsApp no 633 912 489):

  1. «Decora a túa calaverita»: Mércores 4 de novembro, ás 18:00 h.
  2. «O alebrije que habita en min»: Venres 6 de novembro, ás 18:00 h (centrado na figura do xoloitzcuintle).
Comparte éste artículo
No hay comentarios