O PP pregunta no Senado se o Goberno vai reforzar o mantemento ferroviario en Lugo ante a acumulación de incidencias e avarías

Barreiro, Balseiro e Serrano reclaman explicacións sobre as tarefas de inspección e conservación que Adif realiza nas vías e túneles da provincia.

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, veñen de presentar no Senado unha batería de iniciativas para coñecer se o Ministerio de Transportes ten previsto reforzar as tarefas de inspección, conservación e mantemento da infraestrutura ferroviaria lucense, ante a acumulación de incidencias e avarías que se están producindo nos trens e os consecuentes prexuízos para os pasaxeiros.

Os populares poñen como último exemplo o ocorrido o pasado 12 de agosto nun túnel ferroviario da Pobra do Brollón, onde un tren de viaxeiros sufriu unha incidencia ao engancharse o seu pantógrafo con material existente na infraestrutura, o que obrigou a transbordar aos pasaxeiros e requiriu a intervención de persoal de mantemento de Adif.

Barreiro, Balseiro e Serrano lembran que non se trata dun episodio illado. No mes de febreiro, outro tren quedou detido entre Montefurado e San Clodio despois dunha incidencia entre o pantógrafo e a catenaria, circunstancia que obrigou á evacuación de 19 viaxeiros.

Neste contexto, os senadores lucenses consideran necesario que o Goberno explique que labores específicas de inspección, conservación e mantemento preventivo realiza Adif nos túneles e na infraestrutura ferroviaria da provincia, especialmente para comprobar o estado dos revestimentos, impermeabilizacións, catenarias, gálibos e outros elementos susceptibles de interferir co pantógrafo dos trens.

O PP tamén reclama coñecer con que periodicidade se realizan estas inspeccións, que actuacións concretas se executaron durante 2025 e 2026 e se o Ministerio ten previsto reforzar estes traballos á vista dos problemas rexistrados.

FALTA DE AUTOCRÍTICA E CONFORMISMO DO PSOE

Para os senadores populares, a preocupante situación que atravesa o ferrocarril na provincia de Lugo contrasta coa falta de autocrítica do Ministerio e co conformismo do PSOE, que continúan restando importancia a unha realidade que os usuarios padecen cada vez que se producen atrasos, avarías, inmobilizacións, transbordos ou evacuacións.

“Fronte á acumulación de incidencias, o que necesitamos son explicacións, máis mantemento e medidas concretas, non compracencia nin resignación”, sosteñen Barreiro, Balseiro e Serrano, que consideran que o Goberno debe actuar para recuperar a fiabilidade dun servizo esencial para a provincia.


Os representantes populares conclúen que “os lucenses teñen dereito a un ferrocarril seguro, fiable e ben mantido, e tamén a saber que medidas está adoptando o Goberno para evitar que estas incidencias sigan repetíndose”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios