O PP pregunta ao Goberno de Sánchez pola exclusión de Auxilia das axudas estatais destinadas ás entidades de discapacidade 

Os populares advirten que “a decisión do Goberno de Sánchez compromete a continuidade dos programas destinados ás persoas con discapacidade física e enfermidades crónicas.

O Partido Popular reclama explicacións ao Goberno de Sánchez ante a “exclusión” da entidade Auxilia das subvencións de concesión directa do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 dirixidas a entidades especializadas no ámbito da discapacidade que viña recibindo nos últimos exercicios.

Os senadores do PP por Lugo José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, xunto coa deputada Cristina Abades, visitaron as instalacións de Auxilia en Lugo para coñecer a súa actividade e trasladar o seu apoio ao labor que desenvolve a entidade a prol das persoas con discapacidade física e enfermidades crónicas.

Durante a visita, os representantes populares anunciaron a presentación de preguntas no Congreso e no Senado dirixidas ao Goberno do Estado para coñecer os motivos da exclusión desta entidade de entre as beneficiarias destas axudas que recolle o Real Decreto 642/2026, do 29 de xullo; especialmente despois de ter contado con ese apoio nos últimos anos para desenvolver a súa actividade.

Así mesmo, queren saber se existe algunha previsión de rectificar ou de adoptar algunha medida para paliar este “enorme prexuízo non só para o mantemento da estrutura da entidade; senón, de forma directa, para as persoas ás que presta atención e apoio”.

Os populares advirten que “a decisión do Goberno de Sánchez, a través do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, compromete a continuidade dos programas destinados ás persoas con discapacidade física e enfermidades crónicas”.

E engaden que “é incomprensible” tendo en conta, especialmente, que o propio Real Decreto 642/2026, do 29 de xullo, sinala que “as entidades especializadas en discapacidade desenvolven un papel esencial na garantía da igualdade de oportunidades e no exercicio efectivo dos dereitos das persoas con discapacidade e xustifica estas subvencións pola súa experiencia, especialización técnica e capacidade organizativa”.

Os representantes do PP lucense no Congreso e no Senado esixen explicacións ante o que consideran “un novo castigo a Lugo” que, neste caso, “é máis grave aínda por tratarse da atención a persoas en situación de vulnerabilidade”.

AUXILIA

Auxilia, entidade de voluntariado sen ánimo de lucro fundada en 1972, conta con máis de cinco décadas de experiencia e cunha importante traxectoria na provincia de Lugo onde desenvolve un importante labor social vinculado á atención, acompañamento, integración e promoción da autonomía das persoas con discapacidade e enfermidades crónicas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios