O Celta continúa sen gañar e cando suma é a base de 0-0. Na pasada campaña era parecido, só que con empates a un gol. En Anoeta, con altos e baixos no primeiro tempo, o cadro galego mellorou no segundo, foi lixeiramente superior á R. Sociedad, pero nin a entrada do estreante Driouech, que marchou co seu primeiro cartón amarelo, valeu para que o Celta mellorara a súa capacidade ofensiva. Ai final, contra un rival semellante, sumou o segundo punto na liga.
As mans salvadoras de Radu
O mal chamado sorteo asimétrico garantiu que os dous equipos da liga española que contenden na Liga Europa, Celta e R. Sociedad, foran emparellados na sexta xornada, a única intersemanal que coincide coa fase de grupos do torneo continental. Por esa razón adiantaron o partido neste irregular comezo ligueiro.
O Celta dirimía a puntaxe contra outro cadro vasco por terceira xornada consecutiva. Facíao logo dos fracasos ante Osasuna e Athletic, ambos en Balaídos, onde dúas “giraldadas” que duraron partido e medio, só poderá explicalas o técnico olívico por máis que viaxara desde Vigo incomodado co once inicial presentado contra os bilbaínos.
O enfado traduciuse nas elementais modificacións do once inicial en Anoeta para afrontar con garantías un partido de Primeira División, No pacote estaba incluída a titularidade de Antañón pola dereita do ataque. O equipo comezou ben, con Yoel superando as súas funcións defensivas e sufrindo un claro penalti de Sergio Gómez. A R. Sociedad librou a pena polo fóra de xogo previo do galego, que aínda apañou un golpe con marca na meixela.
O bo inicio do Celta conxelouse, como se o minuto xogando con dez polas curas ao central atenderan a aspectos estruturais dun sistema que o equipo non volveu a enfiar.
O cadro donostiarra comezou a ter a pelota e gozar de posesións longas. Moriba quixo quebrar o novo ritmo do encontro cun xute afastado.
A primeira ocasión clara foi local e estivo na cabeza de Martín. O seu remate picado topou coa inspiración de Radu, que desviou coa man. A partir desa xogada, os locais afundiron máis a zaga celeste.
A segunda, no cuarto de xogo, estivo nos pés de Kubo. Oskarsson atopou fenda para colar o coiro a Oyarzábal, Radu meteu a man para rexeitar o xute e o xaponés, en carreira até a frontal da área pequena, xutou por rina do traveseiro.
Radu, o mellor celeste da primeira metade, volveu a lucirse nun disparo de Herrera desde a frontal. O romanés chegou abaixo de xeito milagroso para manter a portería a cero logo da media hora.
O Celta puxo orde para rematar sen atrancos a primeira metade. Extremou o coidado sobre Kubo e condicionou os ataques locais á banda de Barrenetxea. O primeiro tempo apenas deixou espazo para máis accións de perigo, alén dun xute de Turrientes que Radu chapou con seguridade.
A melloría dá para manter o 0-0
O Celta afrontou o comezo do segundo tempo como o do primeiro, querendo ser o equipo que dominara o xogo coa pelota. Antañón, nun remate incómodo, non atopou portería aos 48 minutos. Jutglà o habilitara e Turrientes o atrapallara.
O Celta non puido impoñer o seu criterio durante moito tempo. Os de Matarazzo, dirixindo desde fóra do banco pola sanción, equilibraron a posesión. A diferenza co anterior período estaba no tempo de posesión e que o Celta non concedía espazos para que a R. Sociedad quebrara as liñas visitantes.
No minuto 69 estreouse Driouech. Substituíu a Jutglà, máis traballador que afortunado co balón nos pés. Pouco despois, o neerlandés vería o seu primeiro amarelo no campionato español. O partido adormeceuse nas áreas cun fútbol sen saídas, cos dous equipos incapaces de atopar fendas no bloque do rival.
Puido mudar a historia no minuto 80, nunha carreira de Sergio na que ollou o desmarque de Iago Aspas. O de Moaña recibiu, pero executou mal a sorte final facilitando a parada de Remiro.
Co Celta controlando, facendo que o partido se xogara máis perto da área local, Guedes puxo a funcionar a súa cualidade nunha condución que o asomou ao balcón da área, desde onde disparou cruzado a rentes do pau da portería galega.
A R. Sociedad empurrou cando o partido remataba, inclinou o xogo contra o lado de Radu conseguindo un par de xutes, rexeitados pola zaga olívica, e outros tantos seques de esquina, aos que tamén responderon os defensas.
Tras os cinco minutos de prolongamento, o Celta mantense invicto e imbatido fóra de Balaídos, sumando no feudo realista o seu segundo punto na Liga 2026/27.
Ficha
XOVES 03/09/2026 (21,00) Campo: ANOETA (30.384)
R. SOCIEDAD F. : 0 – R.C. CELTA : 0 (0‑0)
SOC : Remiro; Aramburu, Zubeldia, Martín, Sergio Gómez; Kubo (Gorrotxategi 61’), Herrera (Sučić 61’), Oyarzábal, Turrientes (Carlos Soler 88’), Barrenetxea (Álex 72’); Oskarsson (Guedes 72’). Tre, Pellegrino Matarazzo. (Banco: Marrero (g); Héctor Fort; Muñoz; Sarr; Beitia; Ochieng; Zakharian).
CEL : Radu; Nuñez (Javi Galán 85’), Yoel, Marcos Alonso; Javi Rueda (Javi Rodríguez 85’), Moriba, Miguel, Sergio; Antañón (Iago Aspas 63’), Jutglà (Driouech 69’), Swedberg (Pablo Durán 63’). Tre. Claudio Giráldez. (Banco: Bayindir (g); Starfelt; Faye; Burcio; Hugo Álvarez; Hugo González; El-Abdellaoui).
Goles:
Árbitro: García Verdura (Cataluña). Auxiliares: Sánchez Rojo e Villaseñor Julián. 4º árb.: Morona del Campo.
VAR: Pizarro Gómez. AVAR: Gálvez Rascón.
Disciplina: CA: Herrera 22’; Yoel 52’; Marcos Alonso 57’; Driouech 79’; Sučić 81’.
NOTAS: O partido adiantouse pois a xornada, establecida para os días 15-16-17/09 coincidía con partidos de ambos equipos na Liga Europa.