Cadernos da viaxe. Ceuta: crise de Estado e de convivencia democrática

A fronteira sur non é só un límite xeográfico. É o espello deformante onde a democracia española mide a calidade dos seus principios. Os movementos en Ceuta e a tensión parlamentaria dos primeiros días de setembro consolidan unha crise de Estado que compromete os piares do noso Dereito garantista, propio das democracias liberais europeas  e mesmo a propia convivencia.

O devir de Ceuta e Melilla dende os anos oitenta e, nomeadamente, dende o peche unilateral da alfándega marroquina (2021) explica a urxencia do presente. Rabat despregou dende aquela unha estratexia de asfixia económica e presión híbrida fronte á que o Goberno central responde con falla de transparencia e unha asimetría diplomática moi dificilmente explicábel. A falla dunha folla de ruta pública priva á cidadanía dunha narrativa firme baseada na soberanía e nos dereitos fundamentais. Velaí a coincidencia de discursos críticos co Goberno do Estado do PNV, EH Bildu, Junts, ERC ou BNG. Porque se a cidadanía non ten a información precisa e acaída afóndase a fenda pola que entra a enxurrada do discurso nativista, inzado de intolerancia- cando non de racismo- da dereita extrema do PP e da extrema dereita de Vox.

PP e Vox menten a mantenta cando afirman ser posíbel botar fóra en poucos días aos menores non acompañados (MENAS) e aos maiores de idade solicitantes de asilo. A xestión da devolución ou acollemento dos MENAS e das persoas maiores que solicitan asilo está estritamente vinculada ás obrigas do Dereito Europeo e aos tratados internacionais de dereitos humanos. As garantías xurídicas individuais son indispoñíbeis. É verdade que a  recente Directiva europea do Pacto sobre Migración e Asilo -que habería ter sido trasposta antes de xuño de 2026- introduce  mecanismos para axilizaren procedementos nas fronteiras, mais en ningún caso autoriza a restrinxir as garantías legais fundamentais nin o dereito á tutela xudicial efectiva destas persoas. Lembremos o que hai pouco escribíamos nestas páxinas: os MENAS só poden ser repatriados se hai garantías de acollementos seguro, quer na contorna familiar, quer nun servizo público de protección ás persoas menores de idade. Canto ás persoas maiores de idade  solicitantes de asilo, sò poden ser expulsadas cando un acto administrativo definitivo  (é dicir, confirmado por unha sentenza firme) ou  executivo (é dicir, cando o  Tribunal competente non suspende a orde de expulsión) rexeita a súa solicitude de asilo. Subverter estes procedementos en nome dunha mal entendida urxencia é vulnerar a legalidade estatal, europea e internacional que enche de contido o noso Estado de Dereito e que xa abertamente cuestionan PP e Vox.

Mais o punto de non retorno ven de se superar estes días, cando a extrema dereita de Vox, arrastrando canda eles a un PP botado ao monte, decidiu dar o salto do discurso nativista á sinalización directa da poboación musulmá autóctona de Ceuta (máis do 40% nas persoas adultas, sobordando a metade en menores de idade). O asedio á cidadanía española de confesión musulmá en Ceuta tenta rachar a cohesión social interna. Mentres Vox procura a ruptura cultural para consolidar o seu electorado, o PP lexitima eses marcos de intolerancia, asumíndoos como propios.

Nestas circunstancias PP e Vox están a converter a bandeira do Estado nunha bandeira vencellada a este discurso de división e intolerancia. E-xa-  non só a respecto dos millóns de persoas, cidadás do Estado. que  afirman o sentimento de pertenza a unha nación de seu.

Dende unha perspectiva galega, amante da liberdade e consciente do valor da diversidade, esta deriva das dereitas españolas resulta alarmante. O incivil episodio sufrido polas Tanxugueiras en Palencia non é un feito illado, senón   un síntoma evidente do mesmo clima de intolerancia que se espalla dende a tribuna política. Cando se erosionan as garantías na fronteira, a onda expansiva atinxe de inmediato ao respecto da diversidade cultural e lingüística no interior do Estado. As mesmas persoas que lle negan o valor intrínseco de persoas ás  migrantes ou ás residentes e cidadás de orixe non europeo rexeitan tamén aos que tentan afirmar en democracia a nosa lingua, cultura e identidade nacional.

A democracia española atópase nunha encrucillada. Ou reafirma a primacía do garantismo xurídico europeo e dos dereitos humanos como alicerce das súas políticas, ou continuará a se botar ao foxo do autoritarismo que propón a extrema dereita de Vox coa complicidade da dereita do PP. Ceuta é a proba do algodón. Velaí que sexa tan importante frear a intolerancia e o racismo con todos os medios posíbeis en democracia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios