Menor avanzou que se prevé a presentación de numerosas solicitudes e adiantou que unha vez avaliadas as peticións “estudaremos a posibilidade de incrementar estas axudas e melloralas”.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, realizou esta mañá unha visita a unha explotación gandeira situada en Xunqueira de Espadanedo, co obxectivo de poñer en valor o firme apoio da institución provincial ao campo ourensán, a través das novas liñas de axudas dirixidas de forma específica ao sector primario.
Acompañado por unha ampla representación da Asociación do Sector Primario de Galicia, entidade creada en Ourense, e polo alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña, o presidente provincial destacou que a Deputación cumpre co compromiso de defensa do sector primario adquirido o pasado mes de xaneiro, no contexto das mobilizacións de gandeiros e agricultores que reclamaban medidas urxentes para protexer a súa actividade ante os novos desafíos do mercado.
Para facer efectivo este respaldo, a institución provincial aprobou o pasado 24 de agosto as bases de dúas novas convocatorias de axudas, cunha por un importe total de 350.000 euros, para apoiar ás explotacións agrícolas e gandeiras, favorecer a recría e contribuír á xestión e protección do territorio.
Luis Menor avanzou que se prevé a presentación de numerosas solicitudes, o que indica que “desde a institución e grazas á asociación conectamos perfectamente coas peticións do sector”. Adiantou ademais que unha vez avaliadas as peticións “estudaremos a posibilidade de incrementar estas axudas e melloralas, porque temos que actuar sobre o territorio e contribuír á viabilidade das explotacións agrícolas e gandeiras”.
Menor valorou positivamente este proceso, en tanto que demostra que a administración provincial adoptou medidas “que repercuten directamente sobre o territorio e as persoas, como institución útil para a sociedade”.
Dúas liñas de axuda
A primeira convocatoria está dirixida a intervencións de prevención de incendios forestais e apoio á gandería e explotacións agrícolas, cunha dotación de 200.000 euros para dous tipos de accións: 25.000 euros para gasto corrente, que permitirá financiar a recollida, transporte, tratamento e reciclaxe de plásticos agrícolas nas explotacións.
En segundo lugar, 175.000 euros serán para investimento, permitindo financiar a adquisición de maquinaria para prevención de incendios e xestión de biomasa.
A segunda convocatoria está destinada ao fomento da recría de femias de gando vacún, ovino e caprino en explotacións extensivas, cunha dotación de 150.000 euros, dos cales 130.000 serán para bovino e 20.000 para ovino e caprino.
O prazo para solicitar todas estas axudas finaliza o 25 de setembro.