Os veciños e veciñas do barrio das Lagoas (Ourense) fan un chamamento desesperado á cidadanía e aos medios de comunicación para deter o que cualifican de «enésimo arboricidio inxustificado» no corazón da cidade.
Segundo denuncian as plataformas e colectivos veciñais, estanse a tallar polo pé as árbores que forman o único corredor verde que bordea as vías do tren. Trátase de exemplares con máis de 50 anos de historia que foron plantados e coidados ao longo das décadas por veciños do barrio como Arturo Díaz e os seus coetáneos. Das máis de medio cento de árbores orixinais, xa só quedan 7 sobreviventes: unha oliveira, un limoeiro, dous loureiros, un níspero, un aligustre e un ciprés.


Convocatorias urxentes para a xornada de hoxe (Mércores, 9 de setembro):
- 20:00 horas — Asemblea Veciñal: Na confluencia da Rúa Valle Inclán con Noriega Varela (fronte aos bares Azteka e Botánico).
- 23:30 horas — Quedada de Protección e Vixilia: Mobilización urxente no mesmo punto para evitar que os traballos de bala continúen nocturnamente.
«Un patrimonio natural e histórico fronte ás temperaturas extremas»
Desde o colectivo veciñal denuncian que os traballos se están a levar a cabo con «premeditación e nocturnidade» para evitar a protesta cidadá. Lembran, ademais, que Ourense rexistra as temperaturas máis extremas da península e que a eliminación destas masas vexetais empeora gravemente a calidade de vida do barrio e a pegada ecolóxica do contorno urbano.
«Esiximos un indulto inmediato para estas últimas sete árbores que son patrimonio, vida, cultura e memoria viva de quen creou este espazo verde. Non imos permitir que rematen co pouco que queda«, salientan os organizadores da mobilización.
A veciñanza solicita a presenza de medios de comunicación e da cidadanía ourensá esta noite para esixir explicacións e paralizar a destrución do corredor verde.