Ameijide: “PSOE e BNG volven a fracasar nos premios de turismo da Deputación ao deixar desertas tres das sete distincións”

Ameijide: “Temos unha provincia con iniciativas extraordinarias, con concellos, asociacións, empresas e colectivos que realizan un enorme esforzo para atraer visitantes e poñer Lugo no mapa turístico. A Deputación debería ser a primeira interesada en coñecer, divulgar e recoñecer ese traballo e facer atractivos estes galardóns”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular critican o fracaso do PSOE e do BNG na xestión e promoción dos premios do Consello Provincial de Turismo, despois de que nesta edición tan só se concedesen catro dos sete galardóns previstos.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, considera que estes premios “deberían ser unha ferramenta para dar visibilidade, recoñecer e poñer en valor o traballo que se desenvolve nos concellos e no tecido asociativo e empresarial da provincia en favor do turismo”, polo que “lamentamos a escasa difusión que se está a facer da convocatoria desde a Deputación”.

“Non ten sentido que existan sete premios para recoñecer iniciativas turísticas da provincia e que, finalmente, só se concedan catro. Se a Deputación quere que estes galardóns teñan prestixio e sexan unha referencia, ten que apostar por eles, promocionalos para que as entidades e concellos coñezan a convocatoria e se animen a presentar as súas propostas”, explicou.

Ameijide considera que o resultado desta edición é unha mostra máis da falta de ambición do PSOE e do BNG á fronte da Deputación en materia turística, ao non conseguir converter uns premios que poderían ter unha importante repercusión nunha auténtica plataforma para divulgar e promocionar os atractivos e iniciativas da provincia.

O voceiro popular sinala tamén que “cando menos é curioso” que as catro distincións concedidas recaen, curiosamente, en iniciativas promovidas por concellos gobernados polo PSOE. “Non cuestionamos en absoluto o mérito dos proxectos premiados, que merecen todo o noso recoñecemento, pero resulta cando menos curioso que todos os galardóns vaian parar a concellos do mesmo signo político”, sinalou.

FELICITACIÓN AOS PREMIADOS
Antonio Ameijide aproveitou tamén para felicitar aos catro proxectos distinguidos, destacando o seu traballo e a súa contribución á promoción turística da provincia de Lugo.

Na categoría de Turismo Sostible, o premio recae en ‘Santaballa, Territorio de Memorias e Sostibilidade’, do Concello de Vilalba.

Na categoría ‘E para comer, Lugo’, o galardón foi para a Festa da Enfariñada, do Concello de Trabada.

Pola súa banda, na categoría ‘Lugo cambia’, os premios corresponden ao Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, do Concello de Xermade, e ao Festival do Viño da Ribeira Sacra, do Concello de Monforte de Lemos.

“Vemos como, unha vez máis, PSOE e BNG aproveitan a máis mínima oportunidade para blanquear e ensalzar a José Tomé. Deben de aclarar se esta distinción é outra das condicións pactadas da investidura “, sinalou.

Finalmente, Ameijide enviou unha reflexión a PSOE e BNG: “que non aproveiten para dicir que criticamos aos premiados, porque non é así. O problema está na falta de ambición e de difusión dos propios premios por parte de PSOE e BNG”.

“Temos unha provincia con iniciativas extraordinarias, con concellos, asociacións, empresas e colectivos que realizan un enorme esforzo para atraer visitantes e poñer Lugo no mapa turístico. A Deputación debería ser a primeira interesada en coñecer, divulgar e recoñecer ese traballo”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios