O BNG de Lugo pide que o goberno avance na renovación da rúa Lavandeira

O concelleiro do BNG en Lugo, Alexandre Penas, afirmou que o executivo local debe continuar a avanzar na execución do proxecto de renovación rúa Lavandeira, «unha vía importante que atravesa a totalidade do barrio da Piringalla». Penas lembrou que o proxecto de renovación e a partida orzamentaria para esta actuación foron elaborados cando o BNG dirixía a área de Mobilidade e Infraestruturas, «polo que non existe xustificación para que o PP siga sen atender á zona norte da cidade».

O proxecto, elaborado a comezos do 2026, contempla unha renovación integral da rúa Lavandeira no treito entre Santo Graal e Ángelo Colocci, dividindo a actuación na renovación de canalizacións de telecomunicacións, abastecemento (renovando a rede existente na maior parte da zona de actuación, que é de PVC, instalada hai moitos anos), calzada (renovando a capa de rodadura existente danada polo paso do tempo), beirarrúas (renovando as baldosas en mal estado e homoxeneizando a imaxe da rúa) e sinalización horizontal (renovando a pintura prácticamente borrada).

O edil do BNG puxo como modelo a propia rúa Gallego Tato, onde se sitúa o CEIP Luís Pimentel, como “un exemplo de renovación do espazo urbano executado polo BNG”. Segundo Penas, a intervención na Lavandeira permitiría continuar ese éxito nunha zona de alta circulación peonil e de vehículos, mellorando a seguridade viaria, a accesibilidade e a calidade do espazo público.

Penas subliñou que “é un proxecto realizado e orzamentado que só falta executar”, e afirmou que o BNG seguirá a traballar para que o goberno execute esta obra.

Comparte éste artículo
No hay comentarios